O Paint desaparecerá de Windows 10

luns, 24 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Entre as novidades incorporadas na Actualización dos Creadores de Windows 10, que recibimos hai poucos meses, destacaba a estrea da aplicación Paint 3D, que achega ao grande público xeitos de crear modelos tridimensionais que integraranse en cada vez máis ámbitos (incluíndo o Office), pero iso creou unha situación de certa confusión, xa que a aplicación convive no mesmo equipo co clásico Paint, ferramenta de debuxo moi básica que está presente dende as primeiras versións de Windows e que para moitos foi de grande utilidade para adquirir destreza co rato informático, e que nos vindeiros meses vai dicir adeus, xa que está incluída na relación de características que se eliminarán/abandonarán coa actualización de outono de Windows 10. No caso de Paint aínda non terá lugar a súa erradicación definitiva, senón o abandono do seu desenvolvemento, de xeito que a súa despedida definitiva chegaría un pouco máis adiante.
Outras aplicacións que si dirán adeus totalmente son o Lector e a Lista de lectura, xa que as súas funcionalidades integráronse no Microsoft Edge, e outra con bastante antigüidade que se despedirá será o xestor de correo electrónico Outlook Express.

ACTUALIZACIÓN: En vista da reacción do público ante o anuncio do abandono do desenvolvemento do MS Paint dende Microsoft quixeron paliar o sentimento nostálxico ao redor desta aplicación con 32 anos de vida anunciando que aplicación á que colle o relevo o Paint 3D non desaparecerá totalmente, senón que estará dispoñible para a súa descarga a través da tenda de aplicacións de Windows 10.

PUBLICIDADE