O Parallelware Analyzer de Appentra, tecnoloxía emerxente na SC18 de Texas

mércores, 31 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Appentra Solutions, a spin-off participada pola Universidade da Coruña e promovida por investigadores vinculados ao o Centro de Investigación TIC (CITIC), vén de obter un importante recoñecemento ao seu labor. Máis en detalle, o seu novo produto, Parallelware Analyzer, foi seleccionado como Tecnoloxía Emerxente na SC18 en Texas, que pasa por ser a conferencia máis importante sobre Computación de Alto Rendemento (High Performance Computing).
Como lembraremos, Appentra está especializada en achegar ferramentas de software de alta calidade que permiten un uso extensivo das técnicas de computación de HPC en todas as áreas de enxeñería, ciencia e industria. Entre os seus principais clientes áchanse empresas e organizacións que executan aplicacións informáticas de cómputo intensivo, con uso frecuente en mercados como o aeroespacial, o automóbil, a enxeñería civil, a biomedicina ou a química.
Segundo informa Appentra, na cita SC18 a empresa galega será unha das sete organizacións seleccionadas para participar na sección Emerging Technologies Showcase. A firma tamén lembra que a SC18 é a principal conferencia internacional de computación de alto rendemento, redes, almacenamento e análise, centrándose a devandita sección en mostrar solucións innovadoras e salientábeis da industria, de laboratorios gobernamentais e academias, con potencial para “mellorar de maneira significativa e ampliar o mundo do HPC nos vindeiros anos”.
O produto novo de Appentra, que se lanzará na SC18, foi elixido polas súas posibilidades para acelerar o proceso de paralelaxe de código. A ferramenta de informes de liña de comandos, Analyzer, desenvolveuse sobre a base da tecnoloxía Parallelware Core de Appentra, pero, segundo informa a spin-off da UDC, está deseñada para satisfacer as necesidades do programador experto en HPC.
Analyzer, de feito, axuda ao desenvolvedor de código de cálculo de alto rendemento a recompilar información sobre o código fonte en todo, desde os tipos de computación até as perspectivas da memoria e o fluxo de control, o que “contribúe a minimizar o tempo preciso para comprender como e onde paralizar o código e que outras oportunidades de paralelaxe de código fican pendentes”, explican dende Appentra.

PUBLICIDADE