O Parlamento británico rexeita protexer os dereitos de autor dos creadores fronte á IA

martes, 27 de maio do 2025 Redacción

O Parlamento do Reino Unido rexeitou unha emenda lexislativa que pretendía garantir unha maior transparencia no uso de contidos protexidos por dereitos de autor por parte da intelixencia artificial. A proposta, presentada pola Cámara dos Lores, procuraba incluír no Data (Use and Access) Bill a obriga de informar os titulares cando as súas obras fosen utilizadas para adestrar modelos de IA.
A emenda foi rexeitada por 195 votos fronte a 124, cunha maioría de 71, nunha sesión que deixou en evidencia a tensión entre os intereses da industria creativa e o desenvolvemento tecnolóxico.
O secretario de Estado de Tecnoloxía, Peter Kyle, xustificou a decisión argumentando que «enfrontar unha industria contra a outra é innecesariamente divisivo e daniño para ambas». Kyle defendeu que a economía británica precisa do éxito tanto dos sectores creativos como das tecnoloxías da información, e anunciou a creación de grupos de traballo especializados para atopar «un camiño viable» que permita compatibilizar os intereses de ambas partes.
A emenda rexeitada, promovida pola baronesa Beeban Kidron, pretendía garantir información clara e accesible para os titulares de dereitos sobre o uso das súas obras, pero Kyle asegurou que esa cuestión require unha lexislación específica, «ben redactada, aplicable e con participación dos sectores implicados».
Desde a oposición, o laborista James Naish advertiu que moitos cidadáns «senten que a IA xa pisou os seus dereitos» e reclamou accións urxentes. A conservadora Caroline Dinenage, presidenta da Comisión de Cultura, Medios e Deporte, subliñou que a emenda ofrecía xustamente o que os creadores reclaman: transparencia e medios de control sobre os seus dereitos. Tamén desde as filas conservadoras, Joe Robertson criticou que a falta de protección dá seguridade xurídica «ás grandes tecnolóxicas para seguir extraendo contidos orixinais».
O debate deixou patente que a regulación sobre o uso de contidos protexidos por dereitos de autor na IA segue pendente no Reino Unido, mentres os sectores implicados agardan pola prometida lexislación específica que, segundo o Goberno, chegará da man dos novos grupos de traballo.