O Parlamento pide medidas para afianzar o uso do galego nas redes, coa abstención do BNG e o PSOE
mércores, 9 de maio do 2012
O pleno do Parlamento vén de
dar cabida a unha certa polémica arredor dunha cuestión que nos afecta
especialmente: a presenza da lingua galega nas novas tecnoloxías, e máis polo
miúdo en aqueles servizos e recursos máis empregados pola mocidade, as redes
sociais como Facebook, Twitter, Tuenti e demais; presenza, todo hai que dicilo,
que non destaca por ser ampla senón todo o contrario. Todo comezou cunha
proposta do Partido Popular para pór en marcha unha iniciativa que lle
reclamase á Xunta máis estratexias para impulsar entre a mocidade o uso da
lingua. A proposta foi aprobada cos votos do PP e coa abstención dos grupos da
oposición, que a consideraron “un lavado
de cara” das políticas de “aniquilación
e exterminio” do galego.
A proposta, que significativamente foi
desenvolvida nos días previos á celebración do Día das Letras Galegas e logo da
publicación dun
informe que certificaba e demostraba esta caída do uso da nosa lingua nas
comunidades 2.0, maioritariamente empregadas pola xuventude, nace dunha
constatación na que coinciden tódolos grupos políticos: que o predominio do
castelán é evidente, e as feblezas do galego nas redes sociais non son máis que
un reflexo do que acontece na vida real, sobre todo nas vilas e nas cidades.
A intención do PP é asegurar até onde sexa posíbel
que a Xunta de Galicia “non perda a ocasión
de incidir nestes ámbitos a fin de tentar transformar a realidade”, que se
presenta moi crúa para o noso idioma. A xuízo dos responsábeis da proposta, cómpre
formar contornos favorábeis para que a mocidade do país faga máis uso da súa
lingua nas redes sociais. Con todo, tanto BNG e como PSOE cualificaron a
medida de contraditoria, sobre todo tendo en conta, dixeron, cara onde se
dirixe a restante política lingüística do Goberno galego: non precisamente cara
a defensa da lingua en tódolos ámbitos, sinalaron. Como exemplo, lembraron o
acontecido na pasada edición de Xuventude Galicia Net, onde baixo pretexto de
que había participantes de fóra da nosa terra, “excluíse o galego da comunicación interna do evento”. Polo tanto,
animaron á Xunta a normalizar o uso da lingua en tódolos ámbitos e, xa nun
plano máis específico e complementario, a revitalizar o proxecto Mancomún, que,
como recordaremos, xurdiu sendo un centro para promover a localización ao noso
idioma de programas libres, amais de promover recursos novos e propios.