O Parque Tecnolóxico de Galicia ofrece ás súas empresas unha moratoria no pago de alugueiros
xoves, 26 de marzo do 2020
Por
mor da crise sanitaria derivada da pandemia de COVID-19 e a crise
empresarial que se deriva da mesma, o Parque
Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vén de poñer en marcha
unha medida para botar unha man ás firmas emprazadas no complexo
industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense). A medida consiste en
ofrecer ás empresas arrendatarias unha moratoria dun máximo de tres
meses de alugueiro.
Ademais,
o Parque acordou ofrecer aos arrendatarios ou propietarios das
parcelas da Tecnópole unha moratoria na vindeira factura,
correspondente ao segundo trimestre de 2020. Esta cota trimestral,
engade a dirección, non se facturará na data prevista do 30 de
abril, senón que se prorrateará nos seguintes catro trimestres.
Respecto
dos porqués desta decisión, manifestan que “esta medida ten por
obxecto axudar a paliar as consecuencias económicas negativas que a
crise sanitaria do COVID-19 está a ter no tecido empresarial, unha
medida de sensibilidade cara á situación das nosas empresas”.
Enquisa
sobre as principais necesidades das empresas
Unha
vez iniciada esta situación de estado de alarma, o Parque
Tecnolóxico de Galicia decidiu realizar unha enquisa dirixida a
todas as súas empresas, co fin de “coñecer o grao de afectación
desta circunstancia extraordinaria en cada unha delas”. Como
consecuencia, da man da Xunta de Galicia, decidiuse optar por unha
moratoria no pago tanto dos alugueiros dos locais como na cota
trimestral das parcelas.