O Pazo de Arenaza acolle este martes unha nova xornada do Digital Transformation Day

luns, 21 de outubro do 2019 Redacción

O centro de coworking do Pazo de Arenaza vai acolle reste martes 22, a partir das 9:30h, unha nova edición do Digital Transformation Day, un evento organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), ao abeiro dos Tech Days de Arenaza e co obxectivo de enumerar as vantaxes de facer avanzar as nosas empresas (e as nosas formacións) en materia dixital, co fin de facelas máis rendíbeis, competitivas, sustentábeis, eficaces, eficientes e automatizadas.
Durante esta xornada tres relatores afondarán na transformación dixital, as tecnoloxías implicadas e o funcionamento da Industria 4.0, analizando como mellorar a eficiencia dos procesos e os beneficios que supón para as empresas. Entre outros temas tratarase o papel do ser humano na transformación dixital e a cadea de valor 4.0, a evolución en contraposición á disrupción e os xemelgos dixitais. O evento, que é de balde, está aberto a todas aquelas persoas interesadas, podendo conseguir a súa entrada na páxina da web Pazo de Arenaza.
O programa da xornada é o seguinte:
• 09:30 - O humano na transformación dixital, por Pablo Pérez Vázquez. director de Xestión no ICOIIG. Enxeñeiro Industrial na rama de Organización, conta con experiencia na xestión comercial, a xestión avanzada de proxectos e a dirección estratéxica, especializándose na negociación e a xestión.
• 10:30 - Cadea de valor 4.0, por Marcelo Toural. Director executivo (CEO) en Krack Zapaterías. Enxeñeiro Industrial con máis de dezasete anos de experiencia, está especializado en Supply Chain e en Business Process Improvement. Ademais, foi profesor na Universitat Oberta de Catalunya e colaborou con diversas compañías.
• 11:30 – Café
• 12:00 - Evolución vs. Disrupción, por Daniel Prieto Renda. Director executivo en Soltec. Doutor en Enxeñería Industrial pola Universidade de Vigo e director xeral de Soltec Ingenieros, conta cunha gran experiencia no mundo da enxeñería. Actualmente exerce de presidente na Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (AGEINCO).
• 13:00 - Xemelgos Dixitais, por Daniel Prieto Renda.
• 14:00 - Petiscos, viño e networking

PUBLICIDADE