O Pazo de Arenaza proclámase como referente en traballo colaborativo e innovador

mércores, 16 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Pazo de Arenaza (Oleiros), espazo de coworking impulsado pola Deputación da Coruña, recibiu este mércores a visita do deputado responsábel da área de Emprego, José Ramón Riobóo Castro, e do alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, que acudiron para comprobar en primeira persoa o funcionamento do que é o primeiro centro de traballo colaborativo creado pola entidade provincial, reformado recentemente pola propia institución para esta nova vida vencellada ao emprendemento e ao emprego innovador. Segundo puideron comprobar, o edificio está a “pleno rendemento” e acubillando 18 proxectos empresariais, media ducia deles en fase de incubación.
No predio traballan a día de hoxe 25 persoas, que é, en palabras da Deputación, “a súa capacidade máxima”. A maioría dos emprendedores/as proceden de concellos da área coruñesa coma A Coruña, Oleiros, Sada, Culleredo e Cambre e desenvolven actividades ou ofrecen servizos relacionados co eido da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería, as enerxías renovábeis ou o interiorismo; aínda que tamén hai proxectos do ámbito das novas tecnoloxías, creativo, da saúde e benestar ou de comunicacións.
Riobóo e García Seoane percorreron os 780 metros cadrados cos que conta o pazo, que oferta 25 espazos de traballo e conta con salas de reunións, unha sala de 30 m2 destinada á presentación de proxectos, aulas de formación, áreas de descanso, despachos, cociña, xardíns e outros recantos “comúns e versátiles”, que xa foron bautizados con nomes como a Sala Lareira ou a Sala Fernández-Albalat e que, ademais da actividade profesional cotiá dos emprendedores, permiten o desenvolvemento de diferentes accións formativas ou eventos empresariais.
Na súa visita tamén lembraron que o Pazo de Arenaza non será o único espazo da Deputación onde se impulsen os novos xeitos de traballar ligados ao coworking. De feito, anunciaron que a futura Rede de Centros de Traballo Colaborativo, da que forma parte o dito pazo, estenderase en datas vindeiras a outros municipios coruñeses que xa están adaptando espazos para esta función, como son os de Boiro, Brión, Carballo e Ames.
Riobóo e García Seoane aproveitaron para coñecer mellor as actividades de formación e asesoramento que se levan a cabo en Arenaza, como a Xest-hora, un servizo de asesoramento por parte dunha persoa experta en xestión; o English Lunch, unha comida semanal integramente en inglés para fomentar a práctica do idioma entre os/as coworkers; o Business Bites, que consiste en pequenas píldoras formativas sobre un tema específico de interese, tendo lugar xa sobre ferramentas como Trello ou a creación dun plan de mercadotecnia; eventos de networking e formación como a LaconNetwork e o FreelancersDay2019; xornadas formativas sobre distintos eidos de interese para os emprendedores e emprendedoras; e outras charlas de persoas especialistas en diversas materias, recibindo a visita de expertos de reputadas institucións como o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais, axencias de comunicación e mercadotecnia dixital como Venditos, empresas recoñecidas (nacionais e internacionais) como Infonet, Docuten Xoia Software, Torusware, Pax Tecum, etc.
Ademais, afondaron na axenda de eventos dos vindeiros meses, entre os cales se atopa a segunda parte do Digital Transformation Day, unha xornada organizada polo ICOIIG dentro dos Tech Days de Arenaza, que se vai celebrar o 22 de outubro e na cal un grupo de expertos abordará cuestións ligadas á evolución das empresas da man das novas ferramentas tecnolóxicas.

PUBLICIDADE