O Pebble Time remata o seu financiamento en Kickstarter superando os 20 millóns de dólares

luns, 30 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Finalmente completouse a campaña de micromecenado do smartwatch Pebble Time en Kickstarter, e o atractivo deste reloxo conectado con pantalla baseada en tecnoloxía de papel electrónico de cor teríase confirmado ao converterse no proxecto coa maior captación de ingresos na vida desta plataforma, cun total de 20.338.986 dólares achegado por 78.471 mecenas.
Aínda que esta campaña de captación de fondos xa botara a andar con moita forza, demostrou a pericia dos seus responsables tanto pola estratexia adoptada como polo seu encaixe no calendario, xa que durante o proceso de captación de financiamento marcáronse un par de fitos relevantes: ampliouse o proxecto engadindo a versión Peble Time Steel (modelo do reloxo máis elegante e caro, por apostar polo aceiro inoxidable como material) e coincidiu coa presentación oficial dos prezos do Apple Watch (que ao confirmarse como bastante elevados disparou os apoios a esta alternativa moito máis asumible).
Agora que se completou a campaña de financiamento podemos facer repaso da mesma e comprobar se realmente a versión de aceiro tivo un grande impacto, e parece ser que si foi así, pois entre as recompensas que recibirán os mecenas están 58.966 Pebble Time ordinarios e 36.940 Pebble Time Steel. Dado que a versión de aceiro custa preto dun 40% máis, a cantidade ingresada por ambos modelos estaría case parella, deixando claro que ambos modelos teñen unha grande demanda e que terían cadanseu perfil de usuario.

PUBLICIDADE