O Plan Director da Industria das TIC impulsará un sector en liña ascendente: o noso sector tecnolóxico
martes, 30 de xuño do 2026
A Consellería de Economía e Industria presentou esta mañá o Plan Director da Industria das TIC para o período 2026-2028, no marco da Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria do Clúster TIC Galicia, celebrada no Hotel Monumento Santo Francisco de Santiago. Trátase do primeiro plan director específico do sector, e chega no momento “máis oportuno”, segundo o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, que engadiu que “hoxe temos coñecemento, moito know how acumulado, unha industria forte, consolidada, en crecemento e numerosas empresas cunha traxectoria exitosa”, apuntou. Esta folla de ruta compartida, que mobilizará 61,8 millóns de euros e contempla 77 medidas, supón nas súas palabras un recoñecemento á industria TIC galega como motor económico e peza fundamental para a transformación de todos os sectores.
Pola súa banda, a consellería de Economía, María Jesús Lorenzana, salientou a “tendencia ascendente do sector dende 2020”, experimentada polo sector dende 2020, cun crecemento do 21%. “Actualmente, 23.467 persoas traballan nas máis de 3.100 empresas tecnolóxicas que hai en Galicia, o que supón 4.000 ocupados máis que hai seis anos. Este dinamismo debía ter reflexo nun plan á altura”, afirmou.
Papel estratéxico do sector
O presidente do Clúster engadiu que “este instrumento confirma o papel estratéxico do sector por parte da Xunta pola súa capacidade para xerar valor, promover a innovación e competitividade do tecido produtivo, a creación de emprego cualificado e a contribución ao desenvolvemento económico, industrial e social da comunidade”.
Froito do traballo conxunto entre Xunta e Clúster TIC Galicia, o Plan Director recolle as necesidades, prioridades e oportunidades identificadas por empresas, centros tecnolóxicos e de investigación, así como polo conxunto de actores que integran a cadea de valor do sector. “Integra planificación, gobernanza e diálogo público-privado”, salientou Rodríguez del Corral.
O documento sitúa ao Clúster TIC Galicia como “axente clave” para vertebrar o ecosistema tecnolóxico, fomentando a colaboración no desenvolvemento e implantación de tecnoloxías dixitais, a internacionalización do sector e a transferencia de innovación. “Somos as empresas as que temos que propoñer novas accións, potentes e responsables para desenvolver plenamente o potencial empresarial que teñen as TIC (...) e aí está o Clúster TIC Galicia para vehiculizar”, indicou o presidente.
Lembrou que a agrupación xa está a traballar nun portelo único entre a oferta e a demanda tecnolóxica, favorecendo a xeración de sinerxías entre todos os actores do ecosistema. A través desta canle, poranse en marcha iniciativas que propicien o intercambio de ideas, negocio e tecnoloxía con carácter intersectorial e interclústeres. Así mesmo, engadiu, “contémplase a creación dun xemelgo dixital do sector TIC que permita monitorar en tempo real a súa evolución e crecemento, xerando información estratéxica para a toma de decisións e o deseño de políticas públicas”.
Principais liñas de actuación
O Plan Director parte da necesidade de reforzar unha cadea de valor tecnolóxica propia, adaptada aos retos actuais da economía dixital. Nas súas páxinas, establece 6 eixos de actuación e 8 ámbitos de prioridades para os próximos dous anos, incorporando unha visión a longo prazo aliñada coas grandes tendencias tecnolóxicas e económicas ata 2030.
Entre as súas prioridades destaca a consolidación da proxección exterior das empresas tecnolóxicas galegas, o posicionamento de Galicia como referente da industria TIC verde, impulsar novas alianzas internacionais e avanzar cara a un modelo baseado na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a innovación respectuosa co medio natural. Este instrumento aposta tamén por potenciar o tecido empresarial tecnolóxico mediante o impulso da innovación, a investigación aplicada e a creación de produtos propios con posibilidade de ser replicados ou exportados, baseados en IA e outras tecnoloxías emerxentes. Inclúe medidas para favorecer a escalabilidade e internacionalización, apoio ao emprendemento, a consolidación de startups e a atracción de investimento.
O documento incorpora actuacións dirixidas a favorecer a capacitación profesional para adecuala ás necesidades das empresas coas novas tecnoloxías emerxentes, captación para disciplinas STEM e retención de perfís valiosos, ademais de medidas para favorecer a igualdade no sector. “Debemos facer a nosa propia reconversión do talento humano e aproveitala para dar un salto de produtividade”, manifestou del Corral.
Por outra banda, ten como obxectivo reforzar as infraestruturas necesarias para o crecemento do ecosistema. Busca, ademais, impulsar capacidades tecnolóxicas avanzadas que permitan situar Galicia como referente en tecnoloxías emerxentes, incorporando iniciativas estratéxicas no ámbito dos semiconductores e chips, así como centros de datos, tecnoloxías cuánticas ou factorías de IA.
A dixitalización do sector industrial galego mediante a aplicación de solucións avanzadas, compartidas, interoperables e baseadas en estándares comúns tamén é unha obxectivo clave. Neste ámbito, o plan recoñece o papel tractor do Clúster TIC Galicia na dinamización destas plataformas, actuando como ponte entre empresas, provedores tecnolóxicos e centros de coñecemento.
“Esta estratexia expón un modelo de coordinación máis eficiente entre as políticas públicas e as estratexias privadas para fortalecer o ecosistema”, salientou o Clúster, engadindo que “contempla, ademais, mecanismos de seguimento e avaliación con carácter anual, que permitirán adaptar as actuacións á evolución tecnolóxica e económica, converténdoa nunha ferramenta activa de política industrial”.
