O Plan Director do Goberno nas escolas fomentou a ciberseguridade no IES Manuel Murguía de Arteixo

xoves, 4 de decembro do 2025 S. P.

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, asistiu este 4 de decembro, no IES Manuel Murguía de Arteixo, a unha das charlas impartidas no marco do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, un programa impulsado polo Ministerio do Interior destinado a reforzar a coordinación entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Abalde estivo acompañado polo director da área de educación e coordinador do Plan na Delegación do Goberno en Galicia, Xosé Lois García Carballido, e polo coronel da Garda Civil, Jorge Bodelón Haváns.
O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos é un programa que busca reforzar a cooperación entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. A través de charlas, actividades preventivas e encontros directos con axentes da Garda Civil e da Policía Nacional, promove a educación en valores, a convivencia, o respecto, o uso responsable das tecnoloxías e a prevención de riscos como o acoso, o ciberacoso, as adiccións ou a violencia de xénero. O seu obxectivo é garantir contornos escolares seguros e favorecer o desenvolvemento integral da mocidade. No caso deste centro de Arteixo as charlas corren a cargo da Garda Civil.
O IES Manuel Murguía ten programados varios días de xornadas lectivas completas ao longo desta semana, e repetirá a experiencia no seguinte trimestre. Só este ano solicitou formación para 31 grupos moi numerosos.
Esta mañá, Abalde puxo en valor o impacto desta iniciativa e salientou o seu notable medre no último ano, superando en Galicia as 5.000 actividades de prevención. Case a metade delas desenvolvéronse na provincia da Coruña, con 2.016 accións en 331 centros educativos, que contaron coa participación de máis de 35.000 estudantes. A demanda procede directamente dos propios centros, que identifican como principais preocupacións a seguridade dixital e o uso responsable dos móbiles, temática que xerou 650 charlas, seguida do acoso e ciberacoso escolar, con 515 actividades. Só estas dúas áreas representan máis do 50% das solicitudes.