O Plan Director e as súas actividades polo bo uso das TIC xuntaron en Galicia 155.738 participantes

martes, 30 de xuño do 2026 S. P.

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, inaugurou esta mañá no Pazo de Mariñán, en Bergondo, a V Xornada de Formación do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, un encontro dirixido a profesionais da educación, responsables institucionais e integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para afondar nos principais retos que afectan á convivencia escolar. Na cita Albade fixo balance do Plan, poñendo o foco no acadado na provincia da Coruña. A nivel galego, salientou, participaron preto de 156.000 persoas.
Xunto ao subdelegado estaba o deputado provincial, Bernardo Fernández, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, o director da área de Alta Inspección Educativa en Galicia e Coordinador do Plan Director, Xosé Lois García, e o director territorial de Educación da Coruña, Santiago Freire.
Durante a inauguración, Julio Abalde puxo en valor o Plan Director como “unha das principais ferramentas de prevención impulsadas polo Goberno de España para favorecer contornas educativas seguras mediante a colaboración entre a Policía Nacional, a Garda Civil, a comunidade educativa e as familias”.
O subdelegado destacou que este programa permite achegar aos centros educativos información, formación e recursos para facer fronte a cuestións de máxima actualidade, como o acoso escolar e o ciberacoso, o uso seguro das tecnoloxías, as adiccións, a violencia sobre a muller, a prevención dos delitos sexuais ou outros riscos que afectan á mocidade”.
O subdelegado salientou os resultados acadados na provincia da Coruña durante 2025, ano no que participaron 349 centros educativos, dos que 132 pertencen á demarcación da Policía Nacional e 217 á da Garda Civil. Esta cifra representa o 75% dos centros existentes na provincia e supón un incremento do 5% respecto ao ano anterior, salientou, engadindo que “ao longo do pasado ano implicáronse nas actividades do Plan Director un total de 49.028 persoas na provincia entre estudantado, docentes e familiares”. En comparación con 2024, a participación medrou un 37% entre o alumnado, un 34% entre o profesorado e un 50% entre as familias, apuntou.
No conxunto de Galicia, o Plan Director reuniu a 155.738 participantes arredor das 5.357 actividades desenvolvidas en toda a comunidade, das que 2.313 tiveron lugar na provincia coruñesa, o que representa arredor do 43% do total.
Julio Abalde agradeceu expresamente o compromiso da Policía Nacional e da Garda Civil, cuxo labor resulta esencial para o desenvolvemento do Plan Director, así como a implicación da comunidade educativa, das administracións públicas e das familias para consolidar unha cultura preventiva e de convivencia nos centros escolares.
Unha xornada para analizar os novos desafíos
Tralo acto inaugural, a xornada continúa ao longo do día cun amplo programa de relatorios e mesas de traballo centradas nos principais retos da convivencia escolar. Entre os temas tratados destacan o uso indebido da intelixencia artificial por parte dos adolescentes e a creación de deepfakes, o papel da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) na alfabetización dixital, a prevención das autolesións e das ideas suicidas nos centros educativos a través do programa YAM, a presentación dun estudo das universidades de Santiago de Compostela e Vigo sobre o impacto do Plan Director entre o alumnado e, finalmente, diferentes sesións dedicadas ás técnicas de comunicación máis eficaces para conectar cos adolescentes durante as actividades formativas.
“Esta quinta edición consolida a xornada como un espazo de intercambio de coñecemento e boas prácticas entre profesionais da educación, especialistas e representantes das institucións implicadas na protección da infancia e da adolescencia”, destacou Abalde.