O Plan Director formou en redes seguras a máis de mil persoas da comunidade educativa de Boiro
martes, 16 de xuño do 2026
Este mañá celebrouse no Consistorio de Boiro a Xunta Local de Seguridade do Concello, unha xeira de traballo na que participaron o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, o alcalde, José Ramón Romero, e os representantes dos corpos policiais con presenza no termo municipal: Policía Local e Garda Civil. Na xuntanza foron analizados os datos de seguridade correspondentes ao último ano e coordináronse os dispositivos e medios dispoñibles para afrontar a época estival, poñendo o foco nas multitudinarias celebracións e eventos do verán que acubilla Boiro cada ano.
Durante o encontro constatouse que Boiro mantén unha taxa de criminalidade inferior á media estatal, con 45 delitos por cada mil habitantes. Ademais, os datos do primeiro cuadrimestre de 2026 reflicten “unha evolución positiva, cun descenso considerable tanto dos delitos como das infraccións penais rexistradas no concello”, sinalaron.
Julio Abalde destacou que estes resultados “reflicten o bo traballo desenvolvido pola Garda Civil e a estreita colaboración co Concello de Boiro para garantir a seguridade da cidadanía”.
Durante a reunión tamén se presentaron os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, unha iniciativa do Ministerio do Interior desenvolvida en Boiro pola Garda Civil.
No último curso participaron seis centros educativos do municipio, cun total de 1.008 persoas da comunidade educativa entre alumnado, profesorado e familias. En total realizáronse 48 actividades formativas e de sensibilización, das que 14 estiveron centradas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), Internet e ciberseguridade; outras 14 abordaron cuestións relacionadas co acoso escolar e o ciberacoso; mentres que o resto trataron aspectos como o consumo de drogas e alcohol, as adiccións comportamentais vinculadas ás apostas e aos videoxogos, a violencia de xénero e a violencia e o maltrato no ámbito familiar.
Julio Abalde aproveitou a súa intervención para poñer en valor os resultados acadados polo Plan Director en toda a provincia da Coruña durante 2025. Ao longo do ano participaron 349 centros educativos, o que representa o 75% dos existentes na provincia e supón un incremento do 5% respecto ao exercicio anterior. Ademais, máis de 49.000 persoas tomaron parte nas actividades impulsadas pola Policía Nacional e a Garda Civil.
“O Plan Director é unha ferramenta fundamental para previr situacións de risco e promover valores de convivencia, respecto e uso responsable das novas tecnoloxías entre a mocidade”, destacou o subdelegado.
Outro dos asuntos abordados na Xunta Local de Seguridade foi a coordinación das actuacións en materia de violencia de xénero. O Concello de Boiro está integrado no Sistema VioGén, impulsado polo Goberno de España para o seguimento e protección das vítimas.
No marco desta política pública, o Concello de Boiro recibiu desde 2018 un total de 63.228 euros procedentes dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Desa contía, 14.655 euros corresponden á asignación recibida no ano 2025 para o desenvolvemento de actuacións de prevención e sensibilización.
