O Plan ÚNICO dotará de fibra óptica a máis de 1.200 fogares e empresas de Láncara
martes, 4 de marzo do 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este luns 3 de marzo o concello lucense de Láncara, onde fixo un repaso polos investimentos do Executivo central no municipio destinados a acadar un territorio máis conectado e sustentábel, en con mellores servizos para a cidadanía. Puxo o foco na fibra óptica e nos esforzos mobilizados para levala a todos os recantos do concello e romper, deste xeito, coa fenda dixital que separa ás cidades do rural.
Na súa visita estivo acompañado polo alcalde, Darío Piñeiro, polo deputado provincial, Pablo Rivera e pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. Xuntos analizaron o avance do proxecto de dixitalización en Láncara, que permitirá dotar de fibra óptica a máis de 1.200 familias e empresas deste municipio a través das convocatorias do Plan ÚNICO-Banda Larga.
Na reunión que mantiveron na Casa do Concello, o rexedor trasladou ao delegado os pasos dados en materia de conectividade. En concreto, repasaron o proxecto desenvolvido pola empresa Adamo, que chegou a 87 núcleos de poboación do concello e que require un investimento de 900.000 euros.
Lembraron que o Plan ÚNICO-Banda Larga do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública está financiado polo Plan de Recuperación do Goberno e comezou a executarse no ano 2021. Recordaron tamén que con el, o Goberno financia os proxectos e infraestruturas que precisan as empresas operadoras para chegar a zonas onde non existía esta cobertura nin había previsión de instalación. O Ministerio achega ata o 70 % dos custos (tecnolóxicos, obras, permisos, etc.) para levar a conexión de alta velocidade mentres que as operadoras achegan o importe restante do investimento.
Durante o encontro, o delegado sinalou que este programa, que se atopa xa na fase final de execución, é “un paso moi importante na consecución da cohesión territorial en Galicia, ao garantir que o rural galego teña acceso aos mesmos servizos tecnolóxicos que as áreas máis poboadas”.
Na provincia de Lugo, o Executivo central inviste 26,8 millóns de euros do Plan ÚNICO-Banda Larga para levar esta conectividade a 89.300 vivendas e empresas da provincia.