O Plan ÚNICO leva a banda larga a 400 fogares e negocios de Antas de Ulla
xoves, 24 de agosto do 2023
O delegado
do Goberno, Pedro Branco, desprazouse este xoves 24 de agosto ata o
concello de Antas de Ulla (Lugo) para supervisar xunto á súa
alcaldesa, Pilar García Porto, as actuacións que se están
financiando no municipio co apoio do Goberno grazas a un investimento
de 1,12 millóns de euros.
Entre as iniciativas programadas está a reforma
da Casa da Cultura cunha achega de 816.885 euros do Goberno e unha
contía total de 945.000 millóns de euros que completará o Concello
de Antas de Ulla, e que servirán tamén para arranxar a súa cuberta
e a súa fachada e mellorar así a súa eficiencia enerxética.
Xunto a esta actuación, a alcaldesa e o delegado
repasaron outros investimentos do Goberno na localidade, como os
241.412 euros en axudas para eficiencia enerxética, que
posibilitaron a renovación da práctica totalidade dos puntos de luz
do concello, ou o esforzo para levar Internet de alta velocidade a
preto de 400 fogares e negocios de Antas de Ulla, que ata agora non
gozaban deste servizo, co Programa ÚNICO do Ministerio de Asuntos
Económicos.
Á marxe destes investimentos, o Concello tamén
está pendente da resolución dunha axuda de 400.000 euros do
Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con cargo aos fondos do
Plan de Recuperación do Goberno para acondicionar o espazo e
humanizar a contorna da Praza Nova.