O Plan Único 2019 da Deputación de Lugo destinará máis de cen mil euros á eAdministración

martes, 21 de maio do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo aprobou o Plan Único 2019, dotado con 24,5 millóns de euros e orientado a “impulsar as prestacións públicas, os servizos sociais e o emprego”. Entre as iniciativas que contempla o plan tamén hai presenza de medidas tecnolóxicas e de fomento da innovación e o coñecemento. Por exemplo, un total de 105.000 euros serán destinados a impulsar nos concellos da provincia os procedementos dixitais para a comunicación e interacción coa cidadanía, o que se vén chamando Administración Electrónica.
O plan, que foi aprobado hoxe en sesión extraordinaria e por unanimidade, contempla accións nos 67 termos municipais lucenses. Entre as principais partidas atópase as de novos investimentos, que vén con 16,7 millóns. A través deste apartado executaranse 329 obras de mellora en prestacións na totalidade dos concellos, amais de xerar ou manter un mínimo de 1.000 postos de traballo para a súa realización. Amais, 3 millóns de euros irán destinados ao Servizo de Axuda no Fogar a persoas non dependentes, que permitirá ofrecer atención profesional a uns 3.000 maiores da provincia, ademais da contratación dun mínimo de 300 profesionais a xornada completa e durante un ano.
Por outra banda, reservaranse 3,6 millóns de euros para a xeración de postos de traballo, cos que a Deputación asume os custos laborais pola contratación duns 315 novos lucenses en paro nos concellos que participen no programa Depuemprego. Amais, destinaranse 650.000 euros para a celebración de 55 citas turísticas e gastronómicas de 44 Concellos, e 490.000 euros para 40 accións culturais noutros 40 municipios.

PUBLICIDADE