O Plan Único 2020 da Deputación de Lugo fomentará nos concellos a eAdministración e a transformación turística

martes, 28 de xullo do 2020 Sonia Pena

A Deputación de Lugo aprobou por unanimidade a distribución de fondos do seu Plan Único 2020, un programa con medidas urxentes post-COVID que inxectará máis de 24 millóns de euros no eido provincial. Con esta contía, crearanse preto de 300 postos de traballo en 59 concellos da provincia a través dunha das liñas máis importantes do plan, que axuda a que se asente poboación no rural e a veciñanza poida permanecer nos seus municipios. Porase o foco, entre outras moitas cousas, en fomentar a innovación empresarial, a transformación turística e os servizos e posibilidades da Administración Electrónica, co fin de facilitar a relación da cidadanía coas entidades locais, axilizar a xestión e evitar desprazamentos.
Ao abeiro do Plan, os municipios supoñen a prioridade dos investimentos, aos que adicarán preto do 64% do total dos fondos, seguido de iniciativas para a creación de emprego e de medidas sociais e económicas para combater a COVID-19, unha nova liña que o Goberno da Deputación decidiu incluír este ano para axudar ás entidades locais a facer fronte aos efectos da crise sanitaria.
Pilar García Porto, voceira do Goberno provincial, explicou que o Plan Único amosa “a capacidade de xestión” da Deputación de Lugo para poñerse ao servizo dos concellos. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos municipios e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son concellos pequenos e por si sós non poden afrontar moitos investimentos”, explicou. Así mesmo, subliñou que o Plan Único “é unha medida axustada e atinada”, e apuntou que representa “un modelo a seguir para outras administracións que aínda non contan con ferramentas deste estilo”.
Ao abeiro do Plan Único os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse 167.480€ para o total dos municipios, entre os que destacan spots publicitarios, impulso de novas rutas, sinalización turística, plans de redes sociais ou campañas en medios de comunicación, entre outras.
No relativo á Administración Electrónica e protección de datos, mobilizaranse 140.737 euros, superando a cantidade do ano anterior de 105.000€.

PUBLICIDADE