O Plan Único levará a Internet de altas prestacións a 3.120 familias e empresas de Fonsagrada
venres, 5 de xaneiro do 2024
O delegado
do Goberno en Galicia, Pedro Branco, realizou este 4 de xaneiro unha
visita institucional ao Concello da Fonsagrada, onde mantivo un
encontro co alcalde da localidade, Carlos López, con quen repasou os
distintos proxectos no municipio, entre os que destacou a posta en
marcha do Museo Antonio Fraguas “Forges”, que suporá, dixo, un
revulsivo para o turismo e a economía da Montaña Lucense. Tamén
puxeron o foco no proxecto para ampliar a cobertura de banda larga
dispoñíbel para as familias e as empresas, recurso fundamental para
evitar o proceso de despoboamento.
Respecto do dito museo, será, sinalaron, “o
primeiro en toda España dedicado en exclusiva ao gran debuxante”.
Ocupará a antiga Casa do Concello, que está a ser obxecto de
rehabilitación con cargo ao Programa de Impulso á Rehabilitación
de Edificios Públicos de Entidades locais (PIREP) e que tamén
acollerá a nova oficina de turismo, un salón de actos e diferentes
espazos para usos municipais
No transcurso da reunión, o delegado supervisou
outros proxectos que se están desenvolvendo no concello, como o plan
para completar a extensión da banda larga no marco do Programa Único
do Goberno, que vai permitir levar a conexión de Internet de altas
prestacións a 3.120 familias e empresas que ata agora carecían
deste servizo na Fonsagrada.