O Plan de Benestar Dixital de Galicia colle impulso co apoio da USC e o CPEIG
martes, 20 de maio do 2025
O pasado xoves 15 de maio celebrouse unha xuntanza de traballo dirixida á elaboración do futuro Plan de Benestar de Galicia, convocada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Na reunión tamén se avanzou no deseño da Lei de Educación Dixital de Galicia. O Plan de Benestar Dixital vai dirixido, como lembraremos, a garantir un uso saudable, seguro e responsable das novas tecnoloxías nas aulas.
Participaron, entre outras/os, dúas persoas especialistas da USC na cuestión dixital, como son Mª Dolores Fernández Tilve e Antonio Rial Boubeta. Dolores Fernández é profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación e coordinadora do grupo de investigación Atalaia, mentres que Antonio Rial é docente do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Facultade de Psicoloxía e membro do Grupo de Investigación Psicoloxía do Consumidor e Usuario.
Con el e ela estiveron tamén a médica pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia, Susana Rey García; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, Fernando Suárez, e o director do Centro de Innovación Educativa e Dixital, Ángel Rodríguez. Asistiron ademais o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, así como técnicos deste departamento da Xunta.
Con este plan impulsarase o uso responsable da tecnoloxía e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais coa fin de garantir o benestar emocional na nenez e na adolescencia, traballar na mellora do rendemento escolar e procurar a convivencia equilibrada a prol dun ensino híbrido, isto é, onde convivan en equilibrio o modelo tradicional e o dixital.
Trátase de que os centros conten cun plan que lles permita promover un bo uso e aproveitamento da tecnoloxía entre a comunidade educativa; minimizar o impacto negativo, sobre todo a nivel emocional; practicar a ciberconvivencia, e abordar a influencia de novos escenarios como é a incorporación da Intelixencia Artificial no ámbito educativo. Para iso, estableceranse liñas de acción vencelladas tanto ao profesorado, como aos alumnos, e ás familias. A maiores, tamén se actualizará o Plan de Acción Titorial para reforzar a comunicación e a colaboración entre os titores e as familias e se afondará na figura dos coordinadores de benestar e convivencia dos centros educativos.