O Plan de accesibilidade do transporte ao centro da Coruña achega información en tempo real a través do móbil

luns, 23 de xullo do 2018 Redacción

Os usuarios do Plan de accesibilidade do transporte metropolitano ao centro da Coruña xa poden acceder ás paradas e ao horario dos autobuses en tempo real, grazas á actualización da aplicación do Transporte Público de Galicia da Xunta, publicada onte. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda e a AMTEGA prevén ampliar esta nova funcionalidade a outras zonas de Galicia de xeito progresivo e nun futuro que sexa posible, ademais, realizar o pago desde o móbil.
A nova versión da aplicación, dispoñible para os sistemas operativos iOS e Android permite realizar buscas por liñas (por concello e empresa) e por paradas (por concello, dirección, paradas próximas e por nome).
Unha vez que o usuario accede á liña do seu interese, a aplicación móbil amosa os horarios de saída, os horarios de paso por parada e a representación gráfica da liña sobre o mapa. Se accede á parada poderá informarse dos próximos servizos que pasan pola mesma, con información en tempo real e a representación gráfica da parada sobre o mapa.
Con esta nova iniciativa, a Xunta de Galicia continúa a avanzar na súa aposta polo transporte público, que na área da Coruña se viu notablemente mellorada grazas á activación, o pasado mes novembro, do Plan de accesibilidade dos autobuses ao centro urbano da cidade.
Esa iniciativa, que se foi desenvolvendo por fases e cuxo despregamento culminou o pasado 28 de maio, consiste en facilitar que os autobuses realicen paradas no centro urbano ademais de na estación de autobuses, eliminando a necesidade de transbordos e reducindo, con carácter xeral, os tempos de viaxe. Nese sentido, constitúe unha eficaz ferramenta de fomento do uso do transporte público.
De feito, este Plan de accesibilidade está a rexistrar unha moi boa acollida entre os usuarios do transporte interurbano, rexistrando preto de 860.000 viaxes con orixe ou destino nas novas paradas. Desde a implantación da súa primeira fase, no pasado mes de novembro, rexistráronse incrementos medios do 5% no número de viaxeiros do transporte inteurbano.

Seguimento das bonificacións

A aplicación do Transporte Público de Galicia púxose en marcha en setembro do ano pasado, ofrecendo aos usuarios do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia con dereito a bonificacións sociais ou coa tarxeta Xente Nova, ver o resumo de reembolsos realizados e recibir notificacións das súas recargas nos seus dispositivos móbiles.

O seu uso é sinxelo e, unha vez instalada no dispositivo móbil, só hai que rexistrase e xa se poden incorporar á aplicación as diferentes tarxetas das que sexa usuario. A aplicación móbil amosa en orde cronolóxica os reembolsos pendentes de cobro por tarxeta e a data límite para cóbralos. Ademais, o usuario recibirá notificacións das novas recargas e da súa caducidade. A aplicación tamén permite facer suxestións a través dun formulario no que trasladar calquera proposta, recomendación ou mellora por parte dos usuarios.
Tamén esta dispoñible a páxina web do transporte público de Galicia, onde os usuarios do transporte poden consultar os horarios dos servicios de transporte público regular por estrada en Galicia e dos servizos baixo demanda a través do buscador do espazo web.

PUBLICIDADE