O Polo Aeroespacial de Galicia dáse a coñecer no World ATM Congress

mércores, 27 de outubro do 2021 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Madrid nunha mesa redonda sobre a proposta de Plan Estratéxico Aeroespacial Nacional, no marco do congreso World ATM Congress, a principal conferencia a nivel mundial sobre xestión do tráfico aéreo, e Expodrónica, a feira de drons máis importante no sur de Europa, que se están a celebrar conxuntamente estes días no recinto feiral de Ifema.
Argerey presentou na súa intervención as principais liñas da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia para o período 2021-2025 e informou de que Galicia aspira a articular o proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) Aeroespacial no ámbito dos vehículos non tripulados, no caso de que o Goberno finalmente o poña en marcha.
Neste contexto, o Polo Aeroespacial de Galicia preséntase como unha iniciativa estratéxica con grande capacidade transformadora e importantes resultados acadados na fase anterior 2015-2020: 164 millóns de euros de investimento público-privado mobilizado; colaboración con empresas tractoras como Indra, Babcock e Boeing e a implicación do ecosistema rexional; máis de 900 profesionais; 60 solucións tecnolóxicas e produtos xa no mercado de 655 desenvoltas; e a creación de cinco novas empresas en Galicia.
Argerey coincidiu co resto de relatores na necesidade de coordinarse, aproveitar as sinerxías entre as distintas iniciativas e non solaparse para que os fondos europeos Next Generation funcionen como un elemento de tracción e España poida gañar en dimensión e potencial, así como acadar un bo posicionamento neste segmento a nivel global.
A directora da Axencia Galega de Innovación informou de que o Polo Aeroespacial de Galicia comeza agora unha nova etapa na que o Goberno galego aspira a mobilizar máis de 500 millóns de euros, dos que xa ten comprometidos 70 millóns de fondos públicos. O obxectivo é consolidar a pegada industrial ao redor do sector aeroespacial coa creación de 24 novas empresas, a proxección internacional a través da comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras e a xeración de emprego cualificado.

PUBLICIDADE