O Polo Aeroespacial de Galicia exhibe en Sedexpo as capacidades dos vehículos non tripulados no eido das emerxencias
mércores, 29 de novembro do 2023
A directora da
Axencia Galega de Innovación, Patricia
Argerey, visitou hoxe a segunda edición da Feira Internacional de Seguridade,
Defensa e Emerxencias (Sedexpo) que se celebra no recinto da Feira
Internacional de Galicia en Silleda onde destacou as capacidades das solucións
baseadas en tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados no eido das
emerxencias.
Máis de 200
firmas de 24 países participan nesta edición de Sedexpo, que abriu onte as súas
portas. O Polo Aeroespacial de Galicia conta cun espazo propio na área de
exposicións na que hai unha importante presenza de empresas e centros de
coñecemento do ecosistema como Airbus, Catec, Aeromedia-Umiles, Beagle e o ITG.
No programa de
actividades presentáronse hoxe tres solucións con tecnoloxías de vehículos e
sistemas non tripulados desenvolvidas no Polo Aeroespacial de Galicia aplicadas
ao sector das emerxencias, en dúas mesas redondas moderadas por un
representante da Axencia Galega de Innovación, que tiveron lugar na sala Civil
UAVs Initiative.
O primeiro deles
é unha solución innovadora para a localización de persoas extraviadas por medio
de drons e intelixencia artificial, desenvolvida por Indra, Aeromedia e o
Instituto Tecnológico de Galicia. O sistema, denominado DroneFinder, lanza un
aviso directo aos sistemas de emerxencias, reducindo ao mínimo os tempos de
resposta e optimizando os recursos empregados na busca, contribuíndo así, a
salvar vidas.
A continuación,
presentáronse dúas solucións con aplicacións na área das emerxencias que se
están a desenvolver no marco da Business Factory Aero (BFAero), o programa de
incubación, aceleración e consolidación de proxectos innovadores no eido dos
vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia.
O proxecto ACRE
(Área de Control Restrinxida de Emerxencias) da empresa Vig-Sec Drone, é un
software de xestión do espazo aéreo de emerxencias, enfocado de forma
específica nos incendios forestais, que permite o uso simultáneo de aeronaves
tripuladas e non tripuladas. Valorado pola súa singularidade para o ecosistema
aeronáutico galego, este proxecto foi seleccionado no itinerario de aceleración
da 5ª edición da BFAero. Tamén participou en ViaGalicia e recibiu financiamento
do programa de Recuperación Excelencia Neotec de Galicia.
Pola súa parte,
Beagle Technology accedeu ao itinerario de consolidación da 5ª edición da BFAero
cun proxecto que xa pasou polo itinerario de aceleración da 4ª convocatoria. É
unha solución de hardware e software que permite ofrecer información
situacional mellorada en operacións de emerxencias (imaxe aérea integrada en
vista tridimensional, vehículos e recursos móbiles xeoposicionados, información
completa e rápida e sinxeleza de uso) co obxectivo de facilitar a coordinación
de medios e a toma de decisións.
Os vehículos e
sistemas non tripulados están a ter unha importante presenza en Sedexpo 2023,
tanto no programa de conferencias como na área de exhibicións, na que se
realizará un exercicio-simulacro sobre as futuras capacidades da unidade
operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na busca de persoas
desaparecidas, organizado pola Xunta de Galicia.