O Polo Aeroespacial de Galicia recibiu dez candidaturas de empresas que aspiran a ser socias estratéxicas

luns, 13 de setembro do 2021 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou este luns na clausura en Vigo do cuarto Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial (CIAG), organizado polo Consorcio Aeronáutico Galego. Conde aproveitou a ocasión para facer un repaso dos froitos acadados (e por acadar) a través do Polo Aeroespacial de Galicia, impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Consellería de Economía). Respecto do futuro do proxecto, dixo que o Polo xa recibiu un total de dez propostas de entidades para ser novas socias estratéxicas do mesmo.
O titular de Economía engadiu que o lanzamento da convocatoria para seleccionar “novas empresas tractoras” que acompañen á Xunta neste proxecto pioneiro é unha das 30 actuacións contempladas na nova Estratexia 2021-2025 do Polo Aeroespacial, cun orzamento de 40M€ e a previsión de asinar entre catro e oito acordos de asociación para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D.
No que atinxe ás dez propostas presentadas, o conselleiro dixo que estas “entrarán agora en fase de avaliación unha vez se comprobe que a documentación achegada se axusta ás bases reguladoras da convocatoria”. Amais, puxo o foco no interese que esperta o proxecto entre a industria aeronáutica, “un proxecto co que se levan mobilizado 164M€ a partir dun investimento público de 58M€” e que conta cunha nova folla de ruta de cara ao 2025 e cun investimento de 70 millóns de euros “para consolidar maior pegada industrial, para que as pemes galegas se incorporen ás cadeas de valor das grandes empresas do sector, para impulsar a proxección internacional e a comercialización de novas solución e para a creación de emprego cualificado”.

PUBLICIDADE