O Polo Friol acolle este xoves unha xornada sobre como crear contidos de Instagram e atraer clientes
mércores, 19 de marzo do 2025
A sede do Polo Friol (sita no 18 da rúa Deputación de Friol) acolle este xoves pola mañá, en horario de 9.30 a 13.30 horas un obradoiro formativo sobre Creación de contidos en Instagram. Segundo explican dende a organización (o Polo Friol coa colaboración da Fundación CEL), “na actualidade a presenza dixital é clave para o éxito de calquera negocio, e Instagram presenta un importante potencial para potenciar a nosa marca e atraer máis clientes”. Será unha formación presencial.
Nesta sesión aprenderemos as estratexias fundamentais para crear contidos visuais atractivos, mellorar o noso engagement (conexión e fidelidade a unha marca ou empresa) e aumentar a nosa comunidade de seareiros. “Trátase dunha oportunidade perfecta para optimizar a túa comunicación dixital e impulsar o teu negocio”, engaden dende a organización.
Esta actividade capacitaranos para crear contidos atractivos e efectivos en Instagram, utilizar ferramentas dixitais para mellorar a nosa estratexia de mercadotecnia, aumentar a interacción cos nosos seguidores e fidelizar clientes e aplicar técnicas innovadoras para destacar fronte á competencia.