O Polos Creativos revolucionan a educación galega

venres, 2 de xuño do 2023 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta a aposta do Goberno Galego por un sistema de ensino innovador e adaptado ás novas necesidades de futuro no que os Polos Creativos van marcar “un antes e un despois na educación galega do século XXI”.
Así o sinalou esta mañá con motivo da súa participación nas Xornadas de exhibición dos mellores proxectos de Polos logo do seu primeiro curso de implantación, no que a Consellería entregou os galardóns a 21 colexios e institutos que destacaron polas súas propostas. A xornada abriu cun relatorio de Lluís Miralles i Verge, xefe de proxectos do CERN, e completouse cun percorrido polos stands onde os asitentes puideron coñecer da man do alumnado e do seu profesorado cada unha das propostas premiadas.
Na súa intervención, Román Rodríguez explicou que a partir do vindeiro curso o cen por cen dos colexios e institutos sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas regradas de 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria van contar con estes espazos tecnolóxicos. Segundo dixo, a ampliación desta acción, que se puxo en marcha de xeito pioneiro no presente curso, responde “á obriga da Administración de proporcionar ferramentas para que os nosos rapaces cheguen á idade adulta coa mellor formación posible”. “Temos que garantir que saian da escola preparados para os retos da sociedade do século XXI”, abondou.
A este obxectivo responde precisamente a dotación de Polos Creativos, configurados como espazos de innovación educativa onde os alumnos poder levar á práctica os coñecementos teóricos adquiridos a través da resolución de problemas reais. “Todo isto
- explicou o conselleiro- permite que os alumnos cheguen á clase ilusionados e saian dela coa sensación de que o aprendido ten utilidade”.
De feito, así o puido comprobar na visita aos expositores onde os centros galardoados exhibían as súas propostas, realizadas a raíz dun reto lanzado pola Consellería que consistía en elaborar iniciativas a partir do material de refugallo que se lles enviou co material dos Polos Creativos (caixas, palés, plásticos...).
Lanzáronse seis retos: mellor material científico-matemático, mellor material didáctico-demostrativo, mellor proxecto artístico, mellor solución de accesibilidade e convivencia, mellor recurso de comunicación cultural/social e mellor proxecto de fomento de hábitos de vida saudable. En total, presentáronse 75 propostas, das cales foron seleccionadas as 21 mellores a razón de seis de centros de Primaria e outros seis de Secundaria que se alzaron cos primeiros premios, 8 accésit e unha mención de honra (a listaxe de premiados coa descrición dos proxectos pode consultarse no documento adxunto).

80.000 unidades de equipamento especializado

A partir do vindeiro curso máis de 1.200 centros educativos (uns 1.000 novos que se engade aos 225 polos que xa funcionan este curso) contarán con este servizo, grazas a un investimento de 18,7 millóns de euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, aprobado onte no Consello da Xunta. Tamén disporán do material todas as aulas hospitalarias e haberá conxuntos de equipos específicos para a atención domiciliaria.
En total, despregaranse máis de 80.000 unidades de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, con kits adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos. Haberá equipos de electrónica básicos e avanzados para diferentes idades, robots de chan e programables, placas microbit, microcontroladores, sistemas domóticos, circuítos de papel, escaneado e impresión 3D, tabletas, xogos de construción de pezas encaixables e sistemas para a creación de audiovisuais, entre outros.

PUBLICIDADE