O Pont-Up Venture presentará un sistema que detecta incendios de forma temperá a través do olor
xoves, 19 de setembro do 2024
Este venres 20 arrinca en Pontevedra a 11ª edición do encontro do emprendemento galego Pont-Up Store, organizada pola asociación do mesmo nome (Campus de Pontevedra) que mostrará un total de 42 novos emprendementos á procura do seu oco no mercado. Entre eles destaca o que presenta Wildfire Sentinel, unha empresa tecnolóxica galega que está a desenvolver un sistema de detección temperá de incendios forestais a través do olor.
Trátase dunha solución que, a través de sensores capaces de distinguir diferentes tipos de materias e un sistema de algoritmos personalizado para o tipo de vexetación da contorna na que se instale, é capaz de identificar mediante Intelixencia Artificial as partículas que se producen nos primeiros minutos de combustión. “Grazas a este innovador sistema”, explican dende a organización da Pont-Up Store, “os incendios identifícanse nunha fase incipiente, o que facilita o seu control e extinción de forma rápida para minimizar o seu impacto”. A empresa vén de participar na emblemática feira State of Open Con en Londres e de recibir o premio empresa innovadora da Asocación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra.
Wildfire Sentinel presentará esta tecnoloxía na rolda de financiamento Pont-Up Venture onde participarán tamén outras cinco empresas revolucionarias no seu sector como a plataforma Knowmad Tribe, que xestiona experiencias coliving en todo o mundo; o software Cuotalis, creado para simplificar e automatizar o proceso de reclamación de impagos de cotas nas comunidades de propietarios; a foodtech Vanetta Food, que fabrica zorza vegana; a liña de calzado orgánico e reciclado de Beflamboyant, e a firma Sembra Biojoyas que crea pezas de bixutería orgánica en colaboración con etnias indíxenas do Amazonas.
A Pont-Up Venture daralles a oportunidade ás persoas responsábeis destes emprendementos de presentar as súas ideas de negocio ante un xurado integrado por responsábeis de investimentos en distintas entidades e empresas e que nesta ocasión estará composto por Alba Pombo, analista de investimentos en Xesgalicia; Pablo Campos, CEO (director executivo) da firma Unitatea Capital; Jorge González, analista de novas oportunidades de investimento en Netaccede; e Jorge Leiro, xestor en Torsa Capital e no fondo Lugo Transforma.
Tamén se presentan produtos de alta cosmética que aproveitan o potencial termal galego como Blue Silk Cosmetics e Amalgama Silvestre; propostas que tiran rendemento do noso monte transformando as setas en produtos de alto valor engadido como Maremonte Setas, producindo mel e derivados como Terras de Boborás, ou aceite de oliva artesanal como Embruxo.
Como consecuencia da aposta do formato Pont-Up Venture, aumentan os emprendementos de base tecnolóxica como a aplicación web Certy Chain que permite a sinatura dixital segura a través de cadea de bloques (blockchain), E en contraste coa tecnoloxía chaman a atención dúas novas empresas dedicadas a crear xogos de mesa como Buscalume e xogos de cartas sobre escalada e alpinismo como Muki Xogos. As iniciativas baseadas no rural e o liderado feminino voltan ser protagonistas.