O Porriño contará cunha aplicación móbil de comunicación veciñal grazas ao obradoiro de emprego Eco-Necta

xoves, 9 de xullo do 2026 S. P.

Esta semana deron comezo no Porriño os obradoiros duais de emprego O Porriño Eco-Necta, un proxecto que busca mellorar a formación e a empregabilidade de 20 veciños e veciñas que estaban en situación de desemprego. O programa ten dúas vertentes: unha medioambiental e outra dixital.
Por unha banda, Eco-Necta complementa o coidado do entorno grazas a 10 alumnos-traballadores dedicados á conservación de montes e á limpeza de camiños en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros.
Pola outra, outros 10 participantes céntranse na área tecnolóxica para desenvolver unha nova aplicación municipal que mellorará a comunicación veciñal. “E virá complementar a nova e innovadora web que está a pór en marcha o Concello do Porriño”, explicou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.
O rexedor acudiu xunto á delegada da Xunta, Ana Ortiz, o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, e a de Emprego, Teresa Veloso, á xornada inaugural destes obradoiros, onde os docentes marcaron os obxectivos para os vindeiros nove meses (o tempo que durará este programa) para adquirir novas capacitacións e mellorar o proceso de empregabilidade.
Alejandro Lorenzo quixo poñer en valor o dobre beneficio deste programa dual: “Con esta iniciativa non só ofrecemos unha oportunidade de futuro a persoas en desemprego, senón que investimos directamente no coidado do noso patrimonio natural en todas as parroquias e na modernización e dixitalización dos servizos municipais para estar máis preto da veciñanza”.
Sinalou que un dos piares fundamentais do obradoiro de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes é a realización de tarefas esenciais para a seguridade e o mantemento do contorno, tales como limpeza e accesibilidade (mantemento de camiños municipais, marxes e drenaxes nas parroquias de Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Torneiros e O Porriño) e prevención de incendios (traballos forestais en parcelas municipais e o mantemento das faixas secundarias de titularidade pública en Atios, Budiño e Pontellas).
Na especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, traballarase na creación dunha nova aplicación municipal para mellorar a comunicación directa entre a cidadanía e o Concello.