O Portal da Lingua Galega ofrece materiais preparatorios para as novas probas do CELGA

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis CELGA 2, 3 e 4. Trátase da segunda convocatoria do ano 2021, na que xa se poden inscribir as persoas interesadas (maiores de 16 anos) a través da sede electrónica da Xunta dende este 14 de setembro, ata o vindeiro 4 de outubro. Toda a información sobre estas probas e a súa preparación está dispoñíbel no Portal da Lingua de Política Lingüística, ao igual que os recursos precisos para preparalas por conta propia.
As probas realizaranse entre os meses de novembro e decembro e de forma presencial, se a evolución da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 o permite, en Santiago de Compostela e en Ponferrada, para os niveis CELGA 2, 3 e 4, como vén sendo habitual. As datas concretas serán publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas no Portal da Lingua Galega.
Como dixemos, o Portal da Lingua Galega tamén ofrece materiais cos que é posíbel preparar as probas CELGA por conta propia, sen necesidade de seguir os cursos preparatorios, que non son obrigatorios para presentarse aos exames (aínda que si recomendábeis).
O CELGA é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en tres bloques: Lingua e comunicación, Lingua e sistema e Lingua, cultura e sociedade.

PUBLICIDADE