O Portal da Lingua achegará de balde o novo estudo sobre nomenclatura galega de aves de Xosé Manuel Penas
mércores, 11 de setembro do 2024
Este 11 de setembro celebrouse a presentación do libro Quod vulgus vocat. Contribución á nomenclatura galega das aves, un estudo do ornitólogo, investigador e mestre Xosé Manuel Penas Patiño que conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua para abordar en profundidade os nomes galegos das diferentes especies ornitolóxicas. O estudo estará dispoñíbel en datas vindeiras no Portal da Lingua.
Na presentación participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen agradeceu ao autor a súa contribución e destacou “o valor filolóxico e didáctico do traballo, así como o ambiental e natural, xa que se trata dun coñecemento que incide positivamente na sensibilización, protección e coidado das aves”. Neste senso, Valentín García animou “a aprender e apaixonarse, desde a lingua galega, co abraiante e vasto mundo das aves” a través desta lectura. O secretario xeral incidiu nas oportunidades “deste estudo enciclopédico, nun momento en que Galicia se está a converter en referencia do turismo de interese natural, nomeadamente no eido da observación das aves”.
Quod vulgus vocat. Contribución á nomenclatura galega das aves, publicado pola editorial Andavira, aborda en profundidade os nomes vernáculos galegos das aves. Este volume é o primeiro tomo do estudo sobre as aves que cruzan os ceos de Galicia e aborda 171 denominacións e que se completará ata 625 noutras dúas achegas bibliográficas. Como dixemos poderá descargarse de balde proximamente desde o Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral da Lingua.
Xosé Manuel Penas Patiño
Xosé Manuel Penas Patiño (Santiago de Compostela, 1950) é naturalista e socio fundador do antigo Grupo Ornitolóxico Galego e da Sociedade Galega de Historia de Natural. Mestre de profesión, xa xubilado, conta cunha ampla traxectoria como ornitólogo e divulgador. No ámbito da ornitoloxía ten publicadas tres guías de aves de Galicia (1980, 1991 e 2004), para alén de numerosos artigos e revistas, e coordinou tamén o Atlas de vertebrados de Galicia.
Participou na Comisión para unha Lista Unitaria de Nomes Galegos de Aves (2012-2018) e nos seminarios de ornitonimia impulsados pola RAG (2019-2024), que tiveron como obxectivo a unificación e estandarización dos nomes galegos das aves para a ornitoloxía especializada.