O Portal da Lingua conmemora o 17 de maio cunha ducia de vídeos con Antón Fraguas

mércores, 15 de maio do 2019 Redacción

Xa vai quedando menos para o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, que ademais, tamén é o Día Internacional da Internet, con todo o que isto significa (por exemplo, que as galegas e os galegos temos que estar na Rede si ou si, deixando fonda pegada do noso). Con motivo desta dupla celebración, a Consellería de Cultura e Turismo está a envorcar esforzos no Portal da Lingua Galega, o portal www.lingua.gal, onde se difunden (dende hoxe, na sección adicada ás Letras Galegas de 2019) unha ducia de vídeos de conversas co escritor homenaxeado este ano nas Letras Galegas: o historiador, etnógrafo e profesor Antón Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999).
Segundo informan dende a Consellería, estes audiovisuais pertencen ao proxecto Antonio Fraguas, da aldea á Academia, elaborado por Acuarela Comunicación coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística por medio desta entidade autonómica. Trátase dunha escolma de conversas do director de cinema Xan Leira co autor das Letras Galegas 2019 gravadas nos anos 1997 e 1999, poucos meses antes do pasamento de Antonio Fraguas.
As 12 pezas que conforman o proxecto refírense a diferentes momentos da vida do polígrafo de Cerdedo-Cotobade e, a través dela, da historia social, cultural e política da Galicia do século XX. Nelas amósase a importancia que o autor lle daba á investigación, recuperación e transmisión do saber popular para elevalo a categoría académica. Este contido vese reflectido nos títulos dos doce vídeos: Os primeiros tempos, Castelao, o seu mestre de debuxo, As Irmandades da Fala, O Seminario de Estudos Galegos, O Partido Galeguista, A campaña polo Estatuto, O seu ingreso na RAG, Reflexións sobre a lingua galega, Mitos e lendas, Sobre o traxe tradicional galego, Sobre os oficios e Sobre os xogos tradicionais.
Os audiovisuais forman parte dos recursos que o Goberno galego pon a disposición dos equipos de dinamización da lingua, centros de estudos galegos e, en xeral, da cidadanía, para difundir a vida e a obra do autor a quen se lle rende homenaxe o Día das Letras Galegas. Entre eles unha biografía de Fraguas, imaxes, vídeos, unidades didácticas e recursos elaborados polos propios equipos de dinamización da lingua dos centros educativos: xogos, cancións, carteis e ata un telexornal. Todos eles están accesibles en www.lingua.gal/letras-galegas-2019.

PUBLICIDADE