O Portal da Lingua enriquece a Rede galega coas brincadeiras de Migallas Teatro

luns, 22 de febreiro do 2021 S. P.

O Portal da Lingua Galega que impulsa a Secretaría de Política Lingüística segue a enriquecer o panorama de contidos dixitais na nosa lingua, tendendo pontes coas novas xeracións (e dende a tradición ao futuro). Entre as novas incorporacións figura a colección audiovisual de As brincadeiras da lingua, escolma de ditos e recitados infantís moi acaida para o lecer (e a formación lingüística e cultural) da rapazada. En Lingua.gal poderemos ver as dez pezas desta divertida serie audiovisual realizada por Migallas Teatro ao abeiro do programa Fondo Xacobeo 2021. A serie comeza co capítulo Caricias no colo.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou os días pasados o proxecto acompañado por María Campos e Carlos Yus, “dous grandes dinamizadores da lingua galega entre a cativada”, aos que lles agradeceu “unha importante achega ao repositorio de recursos destinados á infancia e á transmisión interxeracional do galego, tanto na familia como no ensino”.

Dez entregas de brincadeiras

Cada xoves, en horario de tarde, difundirase nas canles de Política Lingüística a serie de dez audiovisuais que compoñen o proxecto As brincadeiras da lingua, realizados por Migallas Teatro para o Fondo Xacobeo 2021. Teñen como obxectivo “dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados infantís que existen na lingua galega e que acompañan desde hai séculos as brincadeiras da cativada e dos membros maiores da familia cos máis pequenos e pequenas”.
Cada capítulo está dedicado a un tipo de ditos consonte a súa función: caricias no colo, para xogar coas mans, para abanear e cabalgar, para durmir e espertar, recitados dialogados, para acompañar xogos, para facer bromas, oracións de risas, disparates e trabalinguas.
En todos eles, Migallas Teatro anima a gozar practicando estas brincadeiras que foi recollendo ao longo dos anos na páxina web Orella Pendella.

PUBLICIDADE