O Portal de Transparencia dos concellos quere mellorar a calidade democrática local

mércores, 4 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

O proxecto Transparencia da Administración Local de Galicia, que está a servir de alicerce ao Portal de Transparencia dos nosos concellos, foi analizado hoxe pola directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto Viso, quen salientou a potencialidade da iniciativa para a mellora da calidade democrática a nivel local. Prieto Viso realizou estas declaracións nunha resposta parlamentaria na que destacou tamén que o proxecto é froito da colaboración entre a Xunta, A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Universidade de Vigo. Entre outros datos achegados, fixo saber que todas as grandes cidades da nosa terra contan cun portal de transparencia, “pero a medida que descende o tamaño da poboación, a porcentaxe cae, até chegar o 73% dos municipios de menos de 5.000 habitantes”.
Tamén lembrou que o traballo permitiu a elaboración do primeiro diagnóstico sobre a situación en canto a transparencia de tódolos concellos de Galicia, o deseño e posta en marcha do Portal de Transparencia Local de Galicia, a elaboración da Guía práctica de transparencia local e a confección de modelos ou formularios tipo e outras ferramentas de apoio.
Igualmente, debullou os obxectivos do Portal de Transparencia dos concellos, proxecto iniciado para “ofrecer ás entidades locais ferramentas de soporte” e “unha plataforma de balde á que as administracións poden adherirse e dispor así dun mecanismo doado, áxil e adaptado ás novidades normativas e tecnolóxicas que teñen que ver coa transparencia e o cumprimento dos deberes legais”.
Prieto Viso explicou que “no portal atópase toda a información que os concellos deben publicar conforme ao ordenamento xurídico e facilítase a súa consulta dunha forma clara, estruturada, entendíbel e de fácil acceso”.
A directora xeral sinalou tamén que “a transparencia xa non é só unha oportunidade aberta para a mellora da calidade democrática, senón unha necesidade e mesmo un deber co triplo obxectivo de incrementar a confianza cidadá, previr eventuais casos de corrupción ou mala xestión, e reforzar a eficiencia das administracións”.
Finalista nos Premios CNIS
O proxecto para crear o Portal de Transparencia dos nosos concellos vén de obter un importante recoñecemento. Máis polo miúdo, foi seleccionado como finalista nos Premios CNIS (Congreso Nacional de Innovación e Servizos Públicos) 2018, na categoría Colaboración Universidade e Administración Pública. Como lembraremos, o proxecto vén da man do Goberno galego, a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) e a Universidade de Vigo. Ten a súa orixe en 2016, coa sinatura do convenio entre as tres ditas partes, que tiñan o obxectivo común de de acadar a máxima fiabilidade posíbel na información xerada polos concellos, achegando recursos dixitais para garantir a correspondencia entre o que fan as administracións locais e o que informan.
A plataforma, segundo puidemos saber recentemente, activarase en breve contando coa presenza activa dunha trintena de concellos. O prognóstico é que de maneira progresiva poidan embarcarse no proxecto máis administracións locais. Nun plano máis concreto, o portal diríxese a fornecer á cidadanía de información pormenorizada sobre o funcionamento das administracións locais da nosa terra, “desde as declaracións de bens dos alcaldes e concelleiros, até información sobre as subvencións, seguimento das tramitacións en liña, etc”.
Detrás do seu desenvolvemento, por parte da Universidade de Vigo, atópase a Rede Localis, unha equipa de traballo formada por docentes e investigadores universitarios e profesionais que traballan no ámbito local e que está xestionada polo grupo de investigación Gen da dita institución académica galega.


PUBLICIDADE