O Porto e a Universidade de Vigo queren fortalecer o sector do mar con novas tecnoloxías

martes, 17 de abril do 2018 Redacción

Levar as novas tecnoloxías e as súas vantaxes ao ámbito do mar, e facelo con todas as consecuencias, procurando que o sector da pesca sexa máis rendíbel, sustentábel e eficiente grazas ao afianzamento no seu seo da Industria 4.0. Este é o gran obxectivo do proxecto presentando onte pola Autoridade Portuaria de Vigo, unha iniciativa de formación para as/os profesionais do mar que abrangue obradoiros de capacitación e actualización ante os importantes cambios sociais, ambientais, tecnolóxicos e industriais que se aveciñan. Nesta iniciativa, o Porto de Vigo conta co apoio da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, o Campus do Mar (UVigo), Campus de Excelencia Internacional del Mar (Andalucía) e a Autoridade Portuaria de Huelva, xa que as accións se dirixirán a ambas comunidades autónomas. A idea, segundo fixeron saber estas entidades, é apostar polas novas ferramentas para ser máis competitivos.
Na presentación oficial participaron o presidente da APV, Enrique López Veiga; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta, Susana Rodríguez, e a directora da Autoridade Portuaria, Beatriz Colunga. O responsábel do Porto explicou que a finalidade desta iniciativa é dar resposta ás “principais necesidades" trasladadas polos axentes, principalmente referidas ás Industria 4.0 e as TIC. E engadiu: “Buscamos proporcionar unha oferta formativa de calidade para actualizar os coñecementos do persoal, porque debemos asumir que temos que perder prácticas antigas que xa non se axustan á comercialización moderna”.
O reitor da Universidade, Salustiano Mato, apuntou á formación como “a mellor forma de visualizar que a perda dos traballos que coñecemos pola incidencia das novas tecnoloxías nos anima a ser capaces de anticipar os traballos que veñen”. Mato destacou tamén a importancia da alianza entre o Campus do Mar e o Porto de Vigo que permitiu crear “un ecosistema de innovación que achega contido á estratexia de crecemento azul que abriu un camiño con grandes posibilidades para fabricar futuro”.
Segundo engadiron, as accións formativas serán de balde e desenvolveranse ao longo de 2018 e grazas a elas máis de 165 persoas recibirán formación especializada e máis de 250 asesoramento específico. O programa enfocarase a unha tripla perspectiva: por unha banda, promover a cualificación profesional; por outra, xerar emprego de calidade e unha terceira, potenciar a competitividade da economía marítimo-portuaria dende a sustentabilidade social e ambiental.
O primeiro curso, centrado na Industria 4.0, arrancará o vindeiro 2 de maio e está dirixido a persoal directivo e mandos intermedios con competencias para a toma de decisións e ligados ao sector portuario e pesqueiro. A docencia estenderase ao longo dos meses de maio e xuño co obxectivo de dotar ás persoas participantes de coñecementos, habilidades e ferramentas prácticas baseadas na incorporación das novas tecnoloxías, para a adaptación dos procesos industriais e operativos aos cambios tecnolóxicos, ambientais e normativos. O prazo de inscrición no curso está aberto, o número de prazas é limitado e a matrícula, de balde.

PUBLICIDADE