O Prime Day converte a Jeff Bezos no home máis rico do mundo

martes, 17 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Onte comezou o Prime Day de Amazon, evento de rebaixas que tamén se desenvolve durante a xornada de hoxe, e que, como era previsible, está a ter entre os seus produtos máis vendidos os da propia marca (como o lector de libros electrónicos Kindle Paperwhite e o reprodutor multimedia Fire TV Stick Basic), que gozan de descontos moi importantes, así como o disco duro WD My Passport de 4 TB (que por 93,90 euros prestábase para unha compra impulsiva), experimentándose volumes de vendas moi importantes que levarían a unha actualización do Bloomberg Billionaires Index, relación coas persoas máis ricas do mundo, que volve a colocar ao fundador de Amazon, Jeff Bezos, á cabeza, cunha riqueza estimada en 151.000 millóns de dólares, superando amplamente os 95.300 millóns de dólares de Bill Gates.
Algo semellante xa acontecera no pasado Black Friday, ou sexa, que as xornadas de rebaixas dan a Amazon unha visibilidade que dispara a súa cotización bolsista, e fai que Bezos sexa, aínda que só de xeito temporal, a única persoa do mundo cunha riqueza estimada de máis de 100.000 millóns de euros.

Moitas ofertas tecnolóxicas

Volvendo á celebración do Prime Day, cómpre salientar que un ano máis a tecnoloxía está a reinar entre as ofertas de máis éxito ou, cando menos, as máis rechamantes, entre as que temos unha PS4 de 500 GB con 2 mandos DUALSHOCK 4 por 289,99 euros, unha subscrición dun ano a PS Plus por 39,50 euros, uns auriculares sen fíos con cancelación de ruído Sennheiser por 99,99 euros ou un móbil Samsung Galaxy Note8 por 609 euros.

Sen rastro dos Amazon Echo

As previsións de Álex Barredo para La Vanguardia, nas que prevían que os altofalantes conectados de Amazon chegarían ao mercado español durante o Prime Day veríanse frustradas, e aínda que xa haxa bastantes usuarios con unidades de proba de Amazon Echo, semella que o programa Alexa Preview en España aínda está lonxe de rematar, xa que está previsto que moitos usuarios vaian recibir unidades de proba a primeiros de setembro (o que non tería sentido se o lanzamento fose inminente) polo que o máis probable é que os altofalantes de Amazon saían á venda no outono, probablemente do mesmo xeito que en Francia: cos produtos a metade de prezo de xeito promicional, incluíndo tamén o dispositivo con pantalla Echo Spot.

PUBLICIDADE