O Profesor Layton e Phoenix Wright compartirán videoxogo na Nintendo 3DS

martes, 19 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O estudo de videoxogos Level-5 anunciou un novo título para a futura Nintendo 3DS que sorprendeu por tratarse dun crossover de dúas sagas tan coñecidas coma dispares: as do profesor Hershel Layton e o avogado Phoenix Wright. O novo título estaría a desenvolverse en colaboración con Capcom, e metería nun único xogo os puzzles e a investigación criminal, características propias de cadansúa franquía, empregando unha fórmula máis propia das series de televisión (sector no que en moitas ocasións cruzan tramas para arrastrar audiencias dun programa a outro).
Professor Layton vs Ace Attorney sería así un título bastante atípico, pois mesturaría xéneros bastante diferentes, empregando coma desculpa para este cruce de camiños na cidade de Labyrinth City, onde Phoenix Wright debe defender ao seu cliente dunha acusación de bruxería mentres que buscan a captura dun malvado con poderes máxicos que é capaz de facer realidade todo o que escribe.


Vídeo de adianto do novo xogo de Level-5

PUBLICIDADE