O Programa Xeración Dixital axudará ás pemes galegas a gañar competitividade e mercados (a partir de setembro)

mércores, 16 de agosto do 2023 S. P.

Vigo, Coruña e Santiago van acoller a partir de setembro unha serie de actividades formativas para favorecer a transformación tecnolóxica das pemes e incrementar a súa presenza nos mercados exteriores. Estas actividades abéiranse ao Programa Xeración Dixital Pemes, iniciativa liderada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que tamén ten o obxectivo, en última instancia, de incrementar a competitividade das pequenas e medianas empresas a través da dixitalización.
O programa conta co apoio de entidades tan destacadas como o do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) ou o da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) a través do seu convenio con Galicia Business School.
Poden participar profesionais de empresas con equipos laborais de entre 10 e 249 traballadores. O programa, valorado en 6.000 euros, achega formación e capacitación de balde grazas ao financiamento do fondo Next Generation UE.
O programa consta de 146 horas, das que 40 serán presenciais podendo escoller entre Vigo, Coruña ou Santiago de Compostela, e o resto impartiranse a través dunha plataforma dixital. O inicio das sesións está marcado para setembro.
O Programa Xeración Dixital Pemes está deseñado especificamente para directivos e empresarios de pequenas e medianas empresas galegas que buscan afrontar os desafíos da era dixital e potenciar a competitividade dos seus negocios.
Ao longo deste programa, os participantes aprenderán de expertos na materia, quen lles proporcionarán as ferramentas e coñecementos necesarios para abordar a transformación dixital nas súas empresas de maneira eficiente e efectiva. Os módulos abranguen temas cruciais, como a adaptación ao contexto dixital, a mellora da experiencia do cliente, a implementación de tecnoloxías emerxentes e a xestión do cambio nas súas organizacións.
O programa ten unha duración de 146 horas totais, repartidas en 136 horas de clases grupais e 10 horas de mentoring ao longo de 3 meses. Deste total, 40 horas serán en presenza, nun dos moitos puntos de encontro para directivos repartidos por toda Galicia. Conformaranse distintos grupos con distintos horarios, atendendo ás necesidades de cada zona xeográfica. As primeiras convocatorias serán como dixemos en setembro de 2023, na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Ademais, os alumnos de Galicia Business School terán acceso a contidos adicionais sobre o último en management e innovación a través da plataforma Gestor Focus, o hub de coñecemento empresarial.
O programa conta coa seguinte estrutura:
A empresa na economía dixital.
Transformando a experiencia do cliente.
Habilitando tecnoloxicamente a transformación.
Xestionando o cambio.
Casos de uso sectoriais.
Plan de transformación dixital da empresa.


PUBLICIDADE