O Proxecto Dragal achéganos dende a súa wiki ao noso patrimonio de raizame máxica
mércores, 27 de novembro do 2013
As propostas culturais galegas estenden as súas
pólas cara a Rede e están ben que así sexa. Un exemplo deste
proceso de ramificación TIC, salientábel dende tódolos puntos de
vista, é o Proxecto
Dragal, unha iniciativa multimedia que ten como alicerce a
triloxía literaria da escritora Elena Gallego Abad (a triloxía
Dragal) e que
comezou xa hai tempo a subir a escada tecnolóxico-dixital
confirmándose -xusto agora- a ascensión e conquista de dous chanzos
ben definidos: o primeiro a posta en marcha dunha Dragalpedia e o
segundo a materialización dunha Topoteca.
Lembrar que Dragal é un triloxía de gran
éxito escrita por Elena Gallega e cuxos dereitos foron adquiridos
por Ficción
Producións (dereitos lanzados por Xerais) para ampliar o radio
de acción das novelas no mundo crossmedia. A idea consiste
(entre outras cousas) nunha adaptación ao cinema da triloxía, no
desenvolvemento de videoxogos para varias plataformas, cómics e a
creación dunha comunidade de seareiros a través das redes sociais
(esta última, a cuestión na que nos centramos neste texto). Ficción
traballou e traballa arestora na adaptación do texto de cara a un
abano amplo de versións e propostas con clara vertente tecnolóxica.
O caso é que boa parte destes traballos ficaban até o de agora nun
réxime de moderado secreto para o común dos internautas galegos,
pero a empresa galega achegou unha serie de datos concretos estes
días no marco da MICAtlántica
(o mercado cultural que se desenvolveu os días pasados en Santiago).
Neste evento, fíxose saber que o
Proxecto Dragal xa conta cunha web de seu na que se inclúen
cousas como unha Dragalpedia, destinada a facilitarlles aos lectores
o descubrimento de lugares máxicos e lendas da súa contorna,
reivindicando o patrimonio oral galego da man (ou da gadoupa) dun
personaxe introdutor que non é outro que un dragón. Así o fixo
saber a propia autora Elena Gallego Abad e
recollen medios como Sermos Galiza, salientando que estamos
perante unha proposta na que están a traballar de forma colaborativa
518 rapaces en 7 centros de ensino. O resultado visíbel é unha wiki
interactiva onde se nos poñen ao alcance da man múltiples xeitos de
acceder ao universo creado pola escritora.
Na wiki están implicados tamén 40 ensinantes de
centros como por exemplo o IES de Mos, IES Manuel Padín Truiteiro de
Soutomaior, CPI de A Cañiza, Cidade de Antioquía de Xinzo da Limia,
IES Xesús Taboada Chivite de Verín, CPI Plurilingüe Antonio Orza
Couto de Boqueixón e IES David Buján de Cambre. Un dos obxectivos
desta enciclopedia virtual incluída no Proxecto Dragal é a
“recuperación, catalogación e revalorización dun patrimonio
inmaterial que se está a perder e que atopa os primeiros chanzos na
Dragalpedia e a Topoteca que están xa en activo”.