O Proxecto Socheo para dixitalizar as nosas gravacións en VHS leva máis de 50 pezas ao YouTube
venres, 9 de novembro do 2012
Coa
chegada de novos formatos audiovisuais, o VHS vai ficando cada vez
máis esquecido por todos sendo o seu destino final o último andel
de calquera moble ou mesmo o balde do lixo. Coa vontade de recuperar
o VHS e outorgarlle o valor merecido, nace
no concello da Guarda unha iniciativa da que xa temos falado nesta
web, o Proxecto
Socheo,
unha proposta colectiva de dixitalización para salvagardar imaxes
caseiras de veciños da vila e, ao tempo, crear un arquivo
audiovisual dispoñíbel nas redes que recupere a memoria histórica
abranguida dende o ano 1960 até o 2000, habendo espazo para algunha
xoia visual coma unhas imaxes de 1920 rodadas por Carlos Velo en A
Guarda e fragmentos de películas, como La
hora Bruja, tamén ambientadas na
zona.
O
Proxecto Socheo é unha iniciativa persoal de cinco profesionais do
audiovisual nados na Guarda que quixeron conservar estas lembranzas e
darlles o valor documental requirido para logo dixitalizalas,
clasificalas e penduralas no YouTube,
co gallo de compartilas. Os responsables desta idea son: Xurxo
Chirro, Gustavo González, Luís Cividanes, Daniel González e Isabel
Martínez, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da
Comunicación.
Cómpre dicir que a
idea foi moi ben acollida, pois logrou tal aceptación entre a
veciñanza que tras uns meses de vida xa lograron recompilar,
dixitalizar, catalogar e pendurar na rede 54 vídeos. Como
curiosidade -comenta Isabel Martínez- “o vídeo que máis
visitas tivo foi un que data de 1987 cando nevou en A Guarda por
primeira vez”.
Advirten
que non existe límite temporal e que calquera pode colaborar no
proxecto a través do correo proxectosocheo@gmail.com.
Aqueles interesados no
Proxecto Socheo terán a oportunidade de achegarse este venres día 9
até o festival compostelán de cine independente Cineuropa,
onde se fará unha presentación pública do proxecto. Exporán a
iniciativa así como varios exemplos dos traballos recompilados,
entre eles a videobitácora Vídeo Fox, que narra a vida do
barco de pesca Tania María dedicado á captura preto das
Azores.