O Qualcomm Snapdragon 855 abrirá a porta ao 5G nos móbiles

mércores, 5 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Anticipándose ao lanzamento das primeiras redes 5G a comezos de 2019 dende Qualcomm presentan a nova familia de procesadores Snapdragon 855, que será a primeira plataforma móbil comercial que soportará o 5G multi-gigabit e utilizará tecnoloxía de fabricación de 7 nm, situándose na vangarda tecnolóxica tanto pola súa grande conectividade e potencial como polo seu rendemento que consegue unhas maiores autonomías.
A plataforma móbil Snapdragon 855 está equipada con modem 5G Snapdragon X50, de xeito que consegue tanto tirar proveito da mellor conectividade 4G multi-gigabit como agregar as bandas de frecuencia mmWave e 5G por debaixo dos 6 GHz, conseguindo así velocidades sen precedentes.
Aseguran que o uso de mmWave podería permitir multiplicar por 20 a velocidade media de conexión en comparación coas solucións comerciais actuais, o que abrirá a porta a novas experiencias en ámbitos como os videoxogos ou a realidade virtual e aumentada, así como coas comunicacións en vídeo en tempo real.
O procesador Qualcomm 855 consegue un desempeño até un 45% superior que a plataforma insignia da anterior xeración; a súa gráfica Adreno 640 mellora até un 20% o seu rendemento; integra un motor de intelixencia artificial multinúcleo; e conta cun procesador de imaxe para cámaras que permite captar vídeo 4K con HDR a 60 imaxes por segundo (soportando incluso HDR10+) e mesmo integra aceleración para a codificación en formato HEIF (permitindo que os contidos cheguen a ocupar a metade).
O Snapdragon 855 tamén será a primeira plataforma móbil en soportar o novo Qualcomm 3D Sonic Sensor, un lector de pegadas ultrasónico que pode colocarse baixo a pantalla dos móbiles, conseguindo así aproveitar mellor o espazo da súa parte frontal.
Temos así que aínda que o 5G vaia tardar bastantes meses en ser unha realidade, en 2019 haberá moitos smartphones de alta gama que incorporando un procesador Qualcomm Snapdragon 855 poderán estar preparados para as comunicacións do futuro.

Vídeo de presentación da plataforma Qualcomm Snapdragon 855

PUBLICIDADE