O RIES 2025 pon o foco nos logros dixitais galegos recentes e recoñece a Balidea e Gradiant
xoves, 16 de outubro do 2025
O Fórum RIES que se celebra ata este xoves 16 está a ser un repaso por algúns dos nosos grandes fitos tecnolóxicos recentes. Así, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo de relevancia este 16 de outubro a dixitalización da sanidade galega e o éxito da plataforma de teleasistencia TELEA, que monitoriza xa máis de 23.000 pacientes.
Gómez Caamaño e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron esta tarde na inauguración da X edición do Fórum RIES, que se celebra na Toxa.
No acto o conselleiro de Sanidade destacou que esta plataforma “foi elixida como unha das boas prácticas para exportar a outras rexións no marco do proxecto europeo CIRCE” e lembrou que “Galicia é un polo de innovación en saúde, recoñecido internacionalmente polas iniciativas da Xunta en biomedicina, saúde dixital e atención integrada”.
Gómez Caamaño agradeceu a organización do Fórum RIES ao Clúster de Galicia e o seu traballo a prol do fomento da innovación, da sustentabilidade e da colaboración no ámbito sanitario.
Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o potencial da nosa comunidade no eido do coñecemento, a tecnoloxía e a capacidade de anticiparse, “porque Galicia non imita, Galicia innova”.
O titular de Ciencia lembrou a recente concesión da Factoría Europea de IA ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), centrada na saúde e que conta cun investimento de 82 M€. “É un fito histórico que sitúa a nosa Comunidade na elite europea da innovación en IA aplicada á biomedicina”, engadiu Román Rodríguez sobre esta iniciativa, que inclúe a adquisición de infraestruturas de supercomputación avanzadas e unha plataforma experimental de IA optimizada.
Premios RIES 2025
Durante o encontro procedeuse á entrega dos premios RIES 2025. O Premio Innovación recaeu en KIUR-Advanced Cutaneous Evaluator (Fundación Gradiant), un sistema de apoio á toma de decisións clínicas para a selección de produtos para o tratamento local de feridas crónicas curables.
Flamingo Biolab (Flamingo Biomechanical Lab), unha nova firma innovadora cordobesa de investigación biotecnolóxica dedicada á creación de xemelgos dixitais para planificación cirúrxica, foi recoñecida co Premio Coñecemento.
O Premio Impacto nas Persoas recaeu en Peniche Living, de Atendo, como resultado a 25 anos de traxectoria no sector sociosanitario. Atendo pon en marcha en Vigo un modelo pioneiro de atención e aloxamento: Peniche Living, unha alternativa á residencia de persoas maiores convencional.
O Premio Comunidade foi para AI-Vidda, de Balidea, Domusvi, Inova, Hifas da Terra, Big Formación e Adoc, polo seu proxecto de transformación dixital para a autonomía persoal e soidade non desexada.
E o Premio Revelación recoñeceu a AIDataMed, do Grupo de Investigación Idara do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Este proxecto xera datos clínicos sintéticos, creados con intelixencia artificial, que reproducen a estrutura e complexidade dos datos reais sen comprometer a identidade de ningunha persoa, datos que poden usarse en investigación, formación, simulación de casos ou adestramento de modelos de IA, con plena seguridade ética e legal.
