O Ramón Piñeiro fortalece a súa investigación tecnolóxico-lingüística con 11 bolsas de formación

luns, 2 de agosto do 2021 S. P.

A Xunta de Galicia vén de convocar 11 bolsas de formación en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, centro dependente da Secretaría Xeral de Polítida Lingüística e cunha ampla traxectoria no uso e aproveitamento das novas ferramentas tecnolóxicas arredor da lingua galega (espallando os horizontes das vertentes lingüística, literaria, histórica e antropolóxica). Estes serán novamente os ámbitos dos novos proxectos.
En concreto, as liñas de traballo incluídas na convocatoria traballarán en aspectos relacionados co legado científico de Jürgen Untermann, o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), a Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA) ou a Terminoloxía Científico-Técnica. Tamén traballarán nos proxectos referidos a informes de literatura, recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, lírica profana galego-portuguesa, bibliografía de referencia do Arquivo Galicia Medieval, así como sobre a dimensión da identidade colectiva de Galicia e o de Legados Literarios.
As persoas interesadas en concorrer á devandita convocatoria poden presentar as súas solicitudes ata o 19 de agosto, exclusivamente por vía telemática desde a sede electrónica da Administración autonómica. Toda a información está publicada no Portal da Lingua Galega, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O Centro Ramón Piñeiro é un organismo que se encarga de impulsar e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, da literatura medieval, da recuperación de publicacións literarias ou da identidade colectiva desde o punto de vista antropolóxico. Destaca pola relevancia dos seus proxectos e mais pola súa contribución á formación investigadora. Desde a súa creación hai 27 anos, pasaron por el máis de 500 investigadores diferentes, tanto bolseiros e bolseiras galegos que se formaron participando nos seus proxectos coma outros estranxeiros de estadía durante un trimestre para desenvolver traballos de investigación propios baixo o asesoramento dos directores dos proxectos, semellantes aos dos seus centros de procedencia.

PUBLICIDADE