O Real Aeroclub de Lugo, a Deputación e o Concello converterán As Rozas nun fervedoiro de innovación aérea

venres, 13 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe presentouse en Lugo a nova edición, a décimo terceira, do Criterium Aeronáutico, o noso evento visualizador do máis avanzado en materia de aeronáutica e, en boa medida, das cousas que se están a facer para impulsar as tecnoloxías de drons e UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés). Na presentación do acontecemento, organizado polo Real Aeroclub de Lugo coa colaboración da Deputación (cunha achega económica de 10.000 euros), da Xunta e do Concello (entre outras entidades), fíxose saber que a previsión é a de reunir preto de 5.000 persoas entre os días 20 e 25 de xullo, no aeródromo das Rozas e coincidindo (como engadido extra) coa 35 edición da Volta Aérea a Galicia.
Na cita de presentación, dando conta do programa e doutros detalles no Pazo de San Marcos, participaron o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a alcaldesa de Lugo en funcións, Ana Prieto Nieto; o presidente do Real Aeroclube de Lugo, Luís Abelleira Mayor e o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez.
En referencia á importancia tecnolóxica, económica e turística do evento, Santos Ramos salientou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cunha proba destas dimensións, que, pola variedade e calidade das actividades que ofrece, xa que ten unha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante impacto económico que atrae a preto de 5.000 persoas, que dormen, comen e mercan en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.
O deputado explicou que “máis de 150 aeronaves e preto de 5.000 persoas”, entre pilotos e seareiros, daranse cita durante a vindeira fin de semana en Rozas, “consolidando ao Criterium Aeronáutico como un referente do panorama nacional”.
Respecto do programa da proba, conta cunha ampla programación de actividades dirixidas a todas as idades. Haberá voos acrobáticos, saltos en paracaídas, carreiras de drons, voos en globo aerostático ou exhibicións e demostracións de pilotos profesionais. Entre as novidades de este ano atópanse a presenza da patrulla de helicópteros acrobáticos ASPA ou das aeronaves de Salvamento etc. Ademais, durante os cinco días que dura o evento deportivo, organizan exposicións de aeronaves e motos clásicas, sorteos de voos gratuítos así como actividades e xogos de balde para os máis pequenos.
Os interesados en inscribirse nalgunhas das actividades, incluídos os saltos en paracaídas ou os voos acrobáticos, deberán reservar a praza en criteriumaeronautico@aerolugo.es no 982 31 01 14 ou nas oficinas da sede.

PUBLICIDADE