O Realme 10 preséntase como un móbil moi equilibrado

mércores, 9 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Realme presentou hoxe nun evento global o que será o seu móbil de referencia de cara ao amplo público, o Realme 10, que cun procesador Helio G99 promete un grande rendemento, acompañado cunha pantalla Super AMOLED de 6,4 polgadas con resolución Full HD+ e refresco de 90 Hz que incluso destaca polo seu elevado brillo (até 1.000 nits) e resistencia (Gorilla Glass 5).
Chegará con configuracións con até 8 GB de RAM e até 256 GB de almacenamento interno UFS 2.2 ampliable mediante tarxetas microSD; cámara traseira dual cun sensor principal de 50 Mpíxeles (acompañada por un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles) e cámara frontal de 16 Mpíxeles; sendo especialmente salientable que conte cunha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts (que promete unha carga completa en 75 minutos).
Como curiosidade, conta con conector para auriculares (compatibles con Hi-Res Audio), algo pouco frecuente nun teléfono deste tipo, que ten un grosor de só 7,95 milímetros e un peso de 178 gramos, especialmente porque tamén presume da potencia dos seus altofalantes (que grazas ao software permitirían escoitar música ao 200% do nivel de volume).
Estamos ante un terminal moi completo e equilibrado, do que aínda non sabemos o seu prezo europeo, pero que internacionalmente anuncian que custará entre 229 dólares para a súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e 299 dólares para a versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, sendo bastante probable que no noso territorio estea dispoñible só nun par de configuracións e non nas 5 que propón o fabricante.

Vídeo de presentación do Realme 10

PUBLICIDADE