O Realme 6 Pro chega presumindo de pantalla de 90 Hz e 6 cámaras

martes, 5 de maio do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de meses presentouse na India o smartphone Realme 6 Pro, que como características salientables contaba cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G, pantalla cunha velocidade de refresco de 90 Hz e un total de 6 cámaras. Hoxe chega ao mercado español este curioso terminal que pode adquirirse en cor azul lóstrego ou vermello lóstrego con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 329 euros.
O Realme 6 Pro é un smartphone de gama media bastante ambicioso, cun grande rendemento e unha pantalla Full HD+ de 6,6 polgadas que sorprende por contar cun orificio para unha cámara frontal dual, que conta cun sensor grande angular de 16 Mpíxeles e outro ultra grande angular (105 graos) de 8 Mpíxeles que permiten gravación de vídeo Full HD e incluso gravación de vídeo a cámara lenta (120 imaxes por segundo).
A cámara traseira cuádrupla deste smartphone conta cun sensor principal de 64 Mpíxeles e apertura f/1.8, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, un teleobxectivo de 12 Mpíxeles que promete un zoom de até 20x e un obxectivo macro cun sensor de 2 Mpíxeles (para fotografar a só 4 centímetros de distancia). Permite gravación de vídeo 4K.
Este móbil conta con dúas rañuras para tarxetas SIM, outra para tarxetas micro SD; ten conectividade Wi-Fi AC, Bluetooth 5.1 e incluso NFC; e a súa batería de 4.300 mAh conta con carga rápida de 30 watts capaz de realizar unha carga completa nunha hora.

PUBLICIDADE