O Realme 8 Pro ten cámara de 108 Mpíxeles e parte dos 259 euros

mércores, 24 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Un dos fabricantes de smartphones que chegou con máis pulo a España foi Realme, que hoxe mesmo presentou o seu novo smartphone, o Realme 8 Pro, que busca principalmente ofrecer grandes prestacións a un prezo extraordinariamente axustado, converténdose no móbil máis económico do mercado equipado cunha cámara de 108 Mpíxeles.
Este novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G, 6/8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, pantalla Super AMOLED de 6,4 polgadas, batería de 4.500 mAh con carga de 50 watts (que podería cargarse ao 50% en só 17 minutos) e, como prestación estrela, unha cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 108 Mpíxeles fabricado por Samsung (acompañado por un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, un obxectivo macro de 2 Mpíxeles e unha lente en branco e negro de 2 Mpíxeles), xunto cunha cámara frontal de 16 Mpíxeles situada nun orificio en pantalla. A pantalla tamén agocha un lector de impresións dixitais ultrarrápido.
Este smartphone tamén está equipado con conector para auriculares e conta con certificación de audio Hi-Res, conectividade Wi-Fi 5, Bluetooth 5.0 e NFC.
O Realme 8 Pro con 6 GB de RAM ten un prezo oficial de 279 euros, mentres que o modelo con 8 GB de RAM custa 299 euros, pero en ambos casos até o 30 de marzo será posible mercalos anticipadamente cun desconto de 20 euros.

PUBLICIDADE