O Realme GT5 terá prestacións de alta gama e un sistema de luces traseiras

luns, 28 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O fabricante chinés Realme presentou un novo smartphone de alta gama, o Realme GT5, que non se limita a incorporar grandes prestacións de hardware, senón que tamén sorprende integrando unhas luces personalizables na súa parte traseira que poden presentar 26 cores con distintos efectos de iluminación, que pode lembrarnos aos móbiles da marca Nothing.
O Realme GT5 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, con 12/16/24 GB de memoria LPDDR5X e 256 GB/512 GB/1 TB de almacenamento UFS 4.0; ten unha pantalla OLED de 6,74 polgadas cunha resolución de 2.772 x 1.240 píxeles, unha velocidade de refresco de 144 Hz e un brillo máximo de 1.400 nits; a nivel de cámaras ten unha cámara traseira tripla cun sensor principal estabilizado IMX890 de 50 Mpíxeles e unha cámara frontal de 16 Mpíxeles; tamén integra un lector de impresións dixitais baixo a pantalla.
O novo smartphone chega ao mercado chinés cun modelo básico con 12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento e carga rápida de 150 watts a un prezo de 2.999 iuans (380 euros); o seu modelo intermedio ten 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento e carga rápida de watts a un prezo de 3.299 iuans (423 euros); e o modelo máis completo ten 24 GB de RAM e 1 TB de almacenamento, así como unha carga rápida de 240 watts cun prezo de 3.799 iuans (487 euros).

O Realme GT5 venderase en dúas cores diferentes

PUBLICIDADE