O RedMagic 10 Pro+ terá unha batería de 7.050 mAh

mércores, 13 de novembro do 2024 Marcus Fernández

O mercado chinés non para de recibir smartphones co procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, que prometen ser líderes en potencia, e estes días o fabricante que está a subir ao carro é Nubia co seu RedMagic 10 Pro, que sorprende especialmente porque a súa versión RedMagic 10 Pro+ conta cunha batería de 7.050 mAh, de xeito que nos vindeiros meses teremos que afacernos a ver dispositivos con capacidades de batería pouco habituais en móbiles de propósito xeral.
O RedMagic 10 Pro conta con pantalla AMOLED de 6,85 polgadas e velocidade de refresco de 144 Hz, 12 GB de RAM LPDDR5X, 256/512 GB de almacenamento UFS 4.0 Pro, cámara frontal de 16 Mpíxeles, cámara traseira cun sensor principal estabilizado de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 50 Mpíxeles e un macro de 2 Mpíxeles, Wi-Fi 7, Bluetooth 5.4, NFC, refrixeración líquida cun ventilador dedicado, conector para auriculares e unha batería de 6.500 mAh con carga rápida de 80 watts, e na China ten un prezo de partida de 4.999 iuans (654 euros).
Pola súa banda o RedMagic 10 Pro+ diferenciaríase por contar con 16/24 GB de RAM LPDDR5X, 512 GB ou 1 TB de almacenamento UFS 4.0 Pro e un esaxerada batería de 7.050 mAh con carga rápida de 120 watts capaz de cargarse completamente en 30 minutos ou até o 50% en 11 minutos. Venderase na China cun prezo de partida de 5.999 iuans (785 euros).
Estamos ante smartphones de alta gama que, aínda que non destacan pola súa cámara fotográfica, si o fan pola súa potencia, estando considerado dispositivo optimizados para gozar de videoxogos (ou outras funcións demandantes de potencia) en mobilidade.
Non sabemos en que condicións chegará a Europa, pero seguro que en ningún territorio falta expectación por ver se realmente é capaz de ofrecer unha autonomía de até 52 horas dado a impresionante capacidade da súa batería (sen ser un voluminoso móbil orientado a escapadas).