O Redmi 3S de Xiaomi incorpora lector de pegadas dixitais
mércores, 15 de xuño do 2016
Os fabricantes chineses Meizu e Xiaomi levan un par de anos
xogando ao gato e o rato, e agora que o
Meizu M3S proponse como un teléfono económico con pantalla de 5 polgadas,
carcasa metálica e lector de pegadas dixitais, Xiaomi lanza unha revisión do
seu Redmi 3 igualando as apostas e incluso copiando totalmente a súa política
de prezos, polo que temos que o novo Redmi
3S sae á venda a 699 iuans (94,32 euros) nun modelo con 2 GB de RAM e 16 GB
de almacenamento interno, mentres que o seu modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de
capacidade venderase a 899 iuans (121,30 euros).
As prestacións deste smartphone económico continúan a ser moi boas, partindo
dunha pantalla IPS de alta definición cunha diagonal de 5 polgadas, que vén
acompañada por un procesador Qualcomm Snapdragon 430 de 8 núcleos, gráfica
Adreno 505, cámara traseira de 13 Mpíxeles con apertura f/2.0, cámara frontal
de 5 Mpíxeles cunha apertura f/2.2, bandexas para unha micro SIM e unha nano
SIM (podendo aproveitarse esta última para ampliar a capacidade interna do
móbil cunha tarxeta micro SD de até 128 GB), lector de pegadas dixitais
traseiro, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, carcasa metálica (en cor gris, prata ou
dourada), un grosor de 8,5 milímetros, 144 gramos de peso e, como
especificación máis notable, unha batería de 4.100 mAh que o converten nun dos
smartphones de maior autonomía do mercado. Un conxunto francamente impresionante
(que debería ser dabondo para a meirande parte de usuarios actuais) por un
prezo no contorno aos 100 euros que fai tremer a todo o catálogo de teléfonos
de gama media, que cada vez vese máis ameazado por teléfonos económicos moi
completos.
- Pese a estarmos ante un smartphone moi económico, ten potencia dabondo para correr a meirande parte dos xogos do mercado