O Redmi 9 estrearase a un prezo de partida de 139 euros

mércores, 10 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O smartphone económico de referencia de Xiaomi estrea nova xeración, e xa é oficial o Redmi 9, que supón un grande salto para un terminal do seu prezo, xa que estamos ante un dispositivo con pantalla Full HD+ de 6,53 polgadas, cámara cuádrupla e grande batería que ten un prezo oficial de 149 euros con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento e 179 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, aínda que cómpre salientar que durante 3 días (a partir do seu lanzamento o día 15) contará cun desconto de 10 euros.
O Redmi 9 funciona cun procesador Helio G80 (o que supón unha mellora de rendemento do 82% no procesador e dun 309% na gráfica), a súa cámara traseira conta cun sensor principal de 13 Mpíxeles, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles e unha lente macro de 5 Mpíxeles, mentres que a cámara frontal é de 8 Mpíxeles, ten unha rañura para 2 tarxetas nano-SIM (podendo aproveitarse un dos espazos para unha tarxeta microSD), conta con conectividade Wi-Fi 5, Bluetooth 5.0, NFC (compatible con Google Pay), emisor de infravermellos, conector para auriculares e radio FM, lector de impresións dixitais traseiro e unha xenerosa batería de 5.020 mAh con carga rápida de 18 watts que permitiría até 19 horas de reprodución de vídeo ou navegación web continua.
En vista desta configuración non resulta arriscado supor que vai ser un dos móbiles máis vendidos en España durante o presente ano, xa que cubre a demanda da meirande parte de consumidores e ofrece unha magnífica autonomía.

JPEG - 59.9 KB
O Redmi 9 poderase adquirir en 3 cores distintas (gris carbono, morado ocaso e verde oceánico)

PUBLICIDADE