O Redmi Go chega a España a un prezo de 69 euros

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

En xaneiro Xiaomi presentaba o Redmi Go, o seu smartphone máis económico, que prometía chegar a Europa a un prezo inferior aos 80 euros, e finalmente o temos aquí, cunhas especificacións limitadas ao máximo, ao igual que o seu prezo, xa que o modelo con 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento pode mercarse por 69 euros, mentres que a versión con 16 GB de almacenamento custa 79 euros. Ambos modelos poden adquirirse con carcasa en cor negra ou azul.
O Redmi Go é un teléfono co sistema operativo Android Go, deseñado especificamente para terminais de prestacións moi básicas, de xeito que con este móbil conseguimos ter só o máis elemental que pode pedirse a un dispositivo co sistema operativo de Google, como son as aplicacións de correo electrónico, mapas, buscador e asistente de voz.
Este novo teléfono chega con pantalla HD de 5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 425 de 4 núcleos, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, bandexas para dobre nano SIM e microSD (de até 128 GB), micrófono con redución de ruído, potente altofalante para mans libres e reprodución musical e unha batería de 3.000 mAh que dada as limitacións do terminal consegue unha boa autonomía (até 10 días en espera, 12 horas en chamada ou 5 horas en reprodución de vídeo).

PUBLICIDADE