O Redmi K30 Ultra ofrece 5G e boas prestacións a un prezo axustado

martes, 11 de agosto do 2020 Marcus Fernández

O Mi 10 Ultra é un grande smartphone de Xiaomi, pero o seu elevado prezo distánciao de boa parte do público, de aí que na súa presentación amosasen tamén o Redmi K30 Ultra, un smartphone con conectividade 5G que, ao estar equipado cun procesador MediaTek Dimensity 1000+ consegue conter o seu prezo para manterse nunha gama media. Este smartphone sae á venda en China o día 14 por 1.999 iuans (245 euros), estando tamén dispoñible con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 2.199 iuans (270 euros) e con 8 GB de RAM e 512 GB de almacenamento por 2.499 iuans (307 euros).
Pese á contención do seu prezo este smartphone ten detalles de alta calidade como unha pantalla Samsung E3 AMOLED cun refresco de 120 Hz e soporte para HDR10+, que consegue ocupar case toda a frontal do teléfono xa que a súa cámara frontal de 20 Mpíxeles é retráctil e o seu lector de impresións dixitais está integrado en pantalla. Tamén presume de ser o primeiro móbil da liña Redmi en contar con altofalantes estéreo.
A cámara traseira cuádrupla do K30 Utra está composta por un sensor principal de 64 Mpíxeles, un ultra grande angular de 13 Mpíxeles, un teleobxectivo de 5 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles. Tamén pode presumir da súa batería de 4.500 mAh con carga rápida de 33 watts (que pode cargarse completamente nunha hora), soporta Wi-Fi 6 e tamén inclúe NFC e emisor de infravermellos. Un produto bastante interesante que probablemente chegue a España baixo un nome diferente, como vén sendo habitual cos Redmi K.

Pese a estarmos ante un smartphone de gama media, o Redmi K30 Ultra consegue superar os 530.000 puntos en AnTuTu, de xeito que sería capaz de correr sen problema os xogos móbiles máis esixentes

PUBLICIDADE